A presenza de catro casetas máis que na pasada edición é unha das principais novidades da Feira do libro de Lugo, que abrirá mañá as súas portas co pregón inaugural do escritor lugués Isidro Novo. O público que se achegue a esta feira poderá atopar ata o día 23 descontos do dez por cento nas súas compras, o sorteo diario dun lote de libros, presentacións dalgunhas das últimas novidades literarias e sinatura de exemplares por parte dos seus autores, así como actividades específicas para os nenos, tales como contacontos, representacións teatrais e obradoiros.
Nesta 28 edición da Feira do libro, a figura de Uxío Novoneyra, a quen se lle dedica o luns o Día das Letras Galegas, estará moi presente. Arredor da obra do poeta do Courel celebrarase o mércores un recital poético no que intervirán Isidro Novo, Darío Xohán Cabana, Marica Campo, Paco Martín e Xavier Rodríguez Barrio. Tamén está previsto un paseo literario e unha conferencia.
Como vén sendo habitual nestas feiras, na de Lugo non faltarán as sinaturas de libros por parte dunha serie de autores, como Xesús Manuel Marcos, Pablo Núñez, Rosa Aneiros, Luis Villa Pillado, Marcos S. Calveiro e Teresa Moure. Ademais, o escritor lucense Saturnino Valladares ofrecerá o xoves un recital sobre o seu libro Los secretos del Fénix, e terá lugar a presentación de dúas editoriais: Casamanita Cartoneira e Kns Ediciones, esta última especializada en libros sobre manexo e adestramento canino.
Música, maxia e humor
Á marxe das actividades puramente literarias, na Feira do libro de Lugo tamén haberá espazo para a música, con actuacións como a do guitarrista David González ou a da Banda Municipal; a maxia, co espectáculo do mago Toño; un monólogo humorístico a cargo de Danny Boy-Rivera; e un debate sobre o presente e o futuro da lingua galega.