Carlos Núñez axudará a arranxar Cadeiras

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A recadación do concerto do gaiteiro destinarase a financiar parte das obras de rehabilitación dos pendellos

26 mar 2014 . Actualizado a las 14:49 h.

O Concello de Sober dedicará todos os fondos que se arrecaden no concerto que ofrecerá Carlos Núñez o 12 de abril no santuario de Cadeiras á reparación dos pendellos situados no mesmo lugar, destruídos pola caída dun piñeiro derribado polo temporal o pasado febreiro. O diñeiro que se consiga coa venda das entradas axudará a sufragar unha parte das obras e o resto será cuberto con fondos propios do Concello.

As entradas xa foron postas á venda ao prezo de dez euros e os responsables municipais sinalaron que aínda quedan trinta á disposición dos veciños interesados en asisir á actuación.

As construcións tradicionais que rodean o santuario teñen unha importancia notable nas tradicións relacionadas con este lugar, xa que serven para guarecer ás persoas que participan na romaría da Virxe dos Remedios que se celebra en Cadeiras o 8 de setembro. O festexo é un dos máis populares do municipio de Sober e de toda a comarca de Lemos. En días pasados, o conselleiro de Cultura Jesús Vázquez anunciou que o seu departamento destinará cerca de 200.000 euros a renovar a cuberta do santuario coa fin de solucionar os problemas de filtración de humidade do edificio.