Teitos de palla de centeo moi lonxe dos Ancares

francisco albo / roi fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

fotos: roi fernández

A comarca chantadina conservou ata tempos recentes algúns vestixios dunha antiga técnica construtiva

28 nov 2016 . Actualizado a las 23:02 h.

Aínda que o uso do colmo ou palla de centeo para cubrir edificación é asociada de forma case exclusiva ás coñecidas pallozas da Serra dos Ancares, esta técnica construtiva foi utilizada tamén noutras partes de Galicia. Unha delas é a comarca de Chantada. Esta parte do patrimonio etnográfico apenas foi investigada na zona, pero aínda así é posible localizar algúns vestixios.

Un destes escasos testemuños é a fotografía situada á dereita destas liñas. Foi tomada en torno a 1998 na aldea da Ermida, pertencente á parroquia de Veascós, no municipio de Carballedo. Trátase dunha sinxela construción agrícola que nesa época aínda conservaba un teito de colmo. A edificación segue en pé, pero a palla xa desapareceu hai moito tempo e hoxe está tapada simplemente con plásticos.

Algúns veciños da zona recordan que ata os anos oitenta houbo construcións parecidas noutras localidades situadas na parte da serra do Faro que confina co municipio ourensán de San Cristovo de Cea. É o caso das aldeas de Riazón, tamén en Veascós, e de Monte Redondo, na parroquia chantadina de Santa Mariña. O máis probable é que non fosen as únicas. Por esa época tamén quedaban construcións agrícolas cubertas de palla de centeo en diversos lugares do mencionado municipio de Cea -sobre todo na parroquia de Oseira-, como Gamoal, Trabazos, Tanxil e A Ventela, e A Cabreira, na parroquia de Vales.

Tamén en vivendas

Segundo un traballo publicado en 1997 por Francisco Javier Fernández Nogueira no Boletín del Instituto de Estudos Vigueses, este territorio situado nos límites das provincias de Lugo e Ourense é unha das poucas zonas de Galicia -exceptuada a Serra dos Ancares- onde está documentado o uso do colmo para construír cubertas de edificios. O autor do estudo indica que esta técnica non se usaba só en construcións agrícolas, senón tamén en vivendas que subsistiron ata principios dos anos sesenta, xeralmente de planta baixa e de pequenas dimensións, que recibían as denominacións de casetas, pallotas ou casarellos. Estaban habitadas -engade- polos veciños máis pobres, coñecidos nalgúns lugares como «caseteiros», que traballan principalmente como pastores e exercían con frecuencia como criados ou caseiros dos mosteiros, dos señores locais ou dos labradores acomodados.

O mesmo estudo sinala que esta técnica construtiva foi utilizada tamén nalgunhas áreas xeograficamente próximas pertencentes aos municipios ourensáns do Irixo e Piñor e aos pontevedreses de Rodeiro e Dozón. Outras fontes indican que as cubertas de colmo foron igualmente tradicionais nas serras ourensás de Manzaneda, Larouco e Xurés e en municipios como Calvos de Randín, Lobeira, Bande e Muíños.

Unha tradición que foi moi común durante séculos

Os especialistas en arquitectura popular sinalan que o uso de cubertas vexetais foi común en numerosas rexións de Europa durante moitos séculos e que estivo xeneralizado na Idade Media. En tempos máis recentes, ao mellorar os niveis de vida, estes materiais foron sendo progresivamente substituídos polas lousas e as tellas. As vivendas con teitos de palla persistiron por máis tempo nos territorios máis illados e con máis dificultades para acceder a estes materiais. Cando deixaron de utilizarse nas vivendas rurais, en certas zonas seguíronse usando ata tempos moi recentes en construcións anexas, como palleiras, cortellos ou pendellos utilizados para gardar carros ou ferramentas. Estas edificacións menores, por tanto, poden considerarse como os últimos vestixios dunha tradición construtiva moi antiga.

 

Zonas montañosas

O uso de cubertas de colmo, segundo Fernández Nogueira, só subsistiu ata os tempos modernos nalgunhas zonas de montaña «poboadas ata non hai relativamente moitos anos por sociedades con forte compoñente pastoril e relativamente apartadas». A técnica é descoñecida na totalidade da provincia da Coruña e case toda Pontevedra. Á dereita, un cortello con teito de palla nunha foto tomada a finais dos noventa na aldea da Cabreira, no concello de Cea