«Estamos na Preferente máis forte dos últimos anos»

LEMOS

LUIS CONDE

O capitán do equipo do Saviñao entende que aínda é moi cedo para mirar a clasificación da categoría

11 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Atlético Escairón afronta maña (16.30 horas) un partido importante para o seu futuro inmediato. O conxunto de Anxo Valcárcel recibe no municipal de O Saviñao ao Ribadeo coa necesidade de gañar e romper así os catro empates consecutivos que encadea. Unha das voces autorizadas do vestiario, Iván González, analiza o choque e a traxectoria do equipo na liga. O centrocampista pide tranquilidade o entorno, asegurando que aínda é moi cedo para mirar a táboa clasificatoria.

-¿Teñen ganas de romper a dinámica dos empates?

-Esperamos que sexa mañá, aínda que nos mediremos a un gran equipo. As sensacións son boas, porque aínda que empatamos catro partidos seguidos, teño que dicir que creamos numerosas ocasións e tan só faltou definilas.

-¿Non lle preocupa estar preto dos postos de descenso?

-Agora non podemos estar mirando a clasificación, porque aínda é cedo e ademais temos que ter en conta que estamos falando dunha das Preferentes máis complicadas das últimas temporadas. Levamos catro empates contra equipos dun potencial enorme, aínda que toca recoñecer que se fose por puntos teríamolos superados a todos. Eu pido tranquilidade, porque queda moita tea que cortar.

-¿Está complicada a permanencia?

-Claro que está complicada, pero hai que ter en conta que se ganas un partido xa escalas postos na táboa e se non os sumas vaste cara abaixo. Pasa igual que na Segunda División. Isto non é igual que o ano pasado, que foi espectacular, pero hai que darse cinta que o nivel da categoría era menor. O que está claro é que o Atlético Escairón pode competir contra calquera equipo da categoría. Sen ir máis lonxe, o día do Paiosaco no noso campo puidemos gañar.

-¿Como se presenta o partido ante o Ribadeo?

-Moi difícil, porque estamos falando dun equipo con maiúsculas. Teñen un mediocampo espectacular con futbolistas da talla de Vicente, Rafa e Mauro Porrati. De todos os xeitos, nós sairemos polos tres puntos, e na nosa casa somos fortes e bastante fiables.

-¿Onde estará a clave?

-En manter a seriedade defensiva das últimas xornadas e aproveitar as ocasións. Non definir unha vez pode ser mala sorte, pero tantas veces non é cuestión de sorte. Estou convencido que mañá podemos gañar e polos tres puntos iremos.

-¿Que mensaxe lle traslada a ese entorno que parece nervioso?

-O que dixen, tranquilidade. O que temos que facer é non mirar a clasificación e centrarnos en ir partido a partido, porque estou convencido que os triunfos chegarán. Estamos facendo un bo traballo.