A investigación sobre a batalla de Repil, facilitada polo lume forestal

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

XURXO AYÁN

O incendio do pasado outubro en Chavaga limpou de maleza a zona onde se farán novas escavacións o próximo abril

18 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O incendio que afectou o pasado outubro á parroquia monfortina de Chavaga estivo a punto de arrasar as ruínas da chamada casa de Amaro, un dos escenarios da batalla de Repil, o sangrento choque armado de abril de 1949 que marcou o inicio da fin da guerrilla antifranquista en Galicia. O lume non alcanzou os restos da vivenda, pero varreu a maleza que cubría a contorna, o que facilitará as investigacións arqueolóxicas sobre aquel suceso histórico que comezaron en xuño do 2016.

O arqueólogo Xurxo Ayán, que dirixe este proxecto impulsado por un grupo de voluntarios, sinala que as ruínas se libraron do incendio grazas ao labor dos veciños e das brigadas de extinción, que se esforzaron por preservalas e conseguiron frear o lume cando estaba xa a poucos metros. «Estamos moi agradecidos polo coidado que puxo a xente en salvar este espazo -apunta- e pensamos que isto di moito acerca do grao de concienciación da veciñanza sobre o valor histórico e arqueolóxico deste lugar».

 

Un suceso dramático

O incendio de outubro -comenta por outro lado Ayán- «foi un suceso moi dramático porque puxo vivendas en perigo, obrigou a evacuar dúas aldeas e causou danos moi serios, pero paradoxalmente resulta beneficioso para a arqueoloxía, como ten pasado con moitos outros sinistros deste tipo en Galicia». A desaparición da vexetación silvestre -agrega- permitirá estudar con máis facilidade os arredores da casa de Amaro e da cercana casa de Adela, tamén en ruínas, outro lugar onde se refuxiaron os guerrilleiros en 1949. Isto é o que se fará nunha nova campaña de escavacións que se levará a cabo na segunda quincena de abril.

Ayán indica por outro lado que o equipo arqueolóxico contará neste labor coa axuda dun veciño octoxenario que foi testemuña ocular do enfrontamento armado. «Este señor era entón un rapaz, pero ten unha excelente memoria e recorda perfectamente todos os detalles, como os lugares onde os gardas civís instalaron as ametralladoras usadas no combate e onde foron depositados os cadáveres dos guerrilleiros mortos», explica. Con estas indicacións, os arqueólogos esperan encontrar máis vestixios materiais do suceso, como poden ser casquillos de bala.

Por outra parte, os investigadores confían en descubrir máis datos no arquivo militar de Ferrol, onde se gardou a documentación relativa a este caso. Os documentos foron localizados por Antonio Díaz Amaro, membro da familia propietaria da casa, pero ata agora non foron estudados. Os promotores do proxecto pretenden publicar máis adiante un libro sobre esta investigación.