A denominación Ribeira Sacra participa hoxe en Fitur e despois irá a Enofusión

La Voz MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

benito ordoñez

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O consello regulador de Ribeira Sacra realizará hoxe unha presentación desta denominación vinícola na feira turística internacional Fitur, que foi inaugurada o mércores en Madrid e continuará ata o domingo. O acto celebrarase a partir das 15:30 horas no pavillón do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación. A presentación comprenderá a proxección dun vídeo e unha degustación de viños e correrá a cargo do presidente do consello regulador, José Manuel Rodríguez, e da técnica Ruth Fernández Vidal.

Por outro lado, a denominación de orixe tamén tomará parte no congreso internacional vinícola Enofusión, que se celebra igualmente en Madrid. O próximo luns, o consello regulador ofrecerá unha cata comentada baixo o lema «El sabor de un paisaje». A cata comezará ás doce do mediodía e será dirixida pola enóloga Isabel Mijares. No acto tamén participarán os mencionados José Manuel Rodríguez e Ruth Fernández.

En Fitur tamén está presente o consorcio turístico Ribeira Sacra, que conta cun espazo dentro do pavillón da Xunta de Galicia.