O pazo de Tor lembra á súa antiga dona, falecida hai vinte anos

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A rede museística provincial sinala que o edificio puido ser musealizado grazas á doazón da propietaria

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Rede Museística Provincial homenaxeou onte á última propietaria do pazo de Tor, María Paz Taboada Zúñiga, con motivo do vixésimo aniversario do seu falecemento. O perfil de Facebook do museo monfortino colocou como imaxe de cabeceira un retrato da antiga dona do pazo e publicou unha mensaxe na que a cualifica como «muller boa e xenerosa». Así mesmo, o perfil incluíu un poema dedicado ao pazo de Tor e publicado orixinalmente en 1958 por Uxío Novoneyra, que foi amigo persoal de María Paz Taboada.

A xerente da rede museística, Encarna Lago, considera que este aniversario é un momento adecuado para recordar que a musealización do pazo foi posible «grazas a que María Paz Taboada decidiu no seu momento que pasase a formar parte do patrimonio público e que tivese un uso cultural, e por iso dooullo á Deputación aínda que podía ter escollido outras opcións». Así mesmo, Lago sinala que a antiga propietaria deixou estipulado que as visitas ao pazo deberían ser gratuítas para os veciños de Monforte e do resto da comarca. «Desde que o pazo foi aberto como museo o acceso é gratuíto para todos os visitantes, veñan de onde veñan, pero se nalgún momento se decidise cobrar pola entrada habería que manter a gratuidade para os veciños da comarca, para respectar a súa vontade», agrega a xerente por outra parte.

De privado a público

Encarna Lago di ademais que «cando se está a celebrar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural é moi conveniente resaltar unha achega como a de María Paz Taboada, que fixo posible que un importante patrimonio histórico que antes era algo privativo e accesible a moi poucas persoas pasase a ser de dominio público». A doazón comprendeu non só o edificio do pazo, senón tamén todo o seu mobiliario orixinal, as construcións anexas e as fincas que formaban parte da propiedade.

Catro anos despois do falecemento da propietaria, no 2000, a Deputación asinou un convenio coa Consellería de Cultura polo que este organismo destinou unha partida de máis de 87 millóns de pesetas para restaurar as cobertas do pazo -por entón moi deterioradas- e garantir a súa conservación. Durante un tempo, a finca albergou un centro cinexético e piscícola creado polo organismo provincial que acabaría sendo pechado.

O pazo foi aberto como museo en xullo do 2006 e desde entón funcionou de forma ininterrompida, albergando numerosas exposicións artísticas e actividades culturais e educativas. Recentemente situouse como o museo lucense mellor valorado entre os usuarios da plataforma dixital de viaxes Tripadvisor.