Unha testemuña da plantación dos plátanos da Alameda de Chantada na Guerra Civil

r. fernández CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

20 ene 2018 . Actualizado a las 13:14 h.

Adolfo Gómez Montero era alcalde de Chantada cando se substituíron os vellos tilos da Alameda polos plátanos de sombra que alí se erguen cun considerable porte. Un dos seus sobriños, Jesús Gómez González, lémbrase de ver como os plantaban e el mesmo regou por entón unha destas árbores.

Máis coñecido como Chucho Román, Jesús Gómez recorda perfectamente -aos seus 92 anos- como era a vella Chantada do primeiro terzo do século pasado. Uns arrandeadoiros, uns aros pendurados dunha viga e a praza do Cantón para xogar ao fútbol se non chovía constituían a escasa oferta para o lecer dos rapaces. Os arrandeadoiros estaban na casa chamada do Remigio, debaixo dun piso de madeira onde había un portalón pque era o principal lugar de xogo en tempo de chuvia, xa que o Cantón -espazo habitual para o esparcemento infantil- se enchía de bulleiro. Houbo que agardar á Segunda República para que este lugar fose pavimentado. Recorda tamén Jesús Gómez a instalación por iniciativa municipal dunha viga de madeira que ía dun tilo a outro na Alameda e da que penduraban uns aros para xogar.

No período bélico

O que non recorda con precisión Jesús Gómez é a data en que desapareceron os vellos tilos da Alameda. Tivo que ser durante a Guerra Civil -sinala-, xa que o seu tío foi alcalde entre 1936 e 1938. Cando as antigas árbores foron arrancadas, todos os nenos que ían á escola nesa época foron presenciar a operación. «A cada rapaz asignóusenos unha árbore para regar», recorda. Así foi como axudou a plantar un dos plátanos que foi vendo medrar desde entón, ao longo de moitas décadas. Ao mesmo tempo arranxáronse as beirarrúas da Alameda para evitar os grandes bulleiros que se formaban cando chovía.

A Alameda tamén fixo a función de campo da feira durante moitos anos. Na década de 1950 a feira trasladouse ao espazo que agora ocupa o parque Eloísa Rivadulla. A principios dos anos 80 foi trasladada de novo á beira do Asma, desta vez ao seu asentamento actual. A Alameda volveu ter protagonismo, xa que é onde se instalan os postos de venda.

Os exemplares de Platanus hispanicus plantados cando Jesús Gómez ía á escola ocupan dous espazos na beira do río, separados pola pasarela que o cruza. O primeiro está na Alameda propiamente dita, que vai do final da rúa Formoso Lamas ata a citada. O outro está no Xardín, un pouco máis abaixo da pasarela ata a ponte para tráfico rodado da estrada de Chantada aos Peares. Hoxe son poucos os que recoñecen o nome do Xardín, chamándolle Alameda a todo o espazo.