Máis días para os catamaráns, non menos

Rosana Prieto POSGRADUADA EN DIRECCÓN TURÍSTICA E CONCELLEIRA DO BNG EN PANTÓN

LEMOS

27 ene 2018 . Actualizado a las 22:22 h.

ARibeira Sacra é un dos territorios cun perigo crecente de desertificación poboacional, é dicir, corremos o perigo de quedar sen xente, e unha das medidas que máis calado van ter é a de crear ou propiciar oportunidades de traballo. Non hai política mellor que aquela que asegura unha supervivencia digna e autónoma nun territorio. Nese obxectivo é onde o turismo adquire suma importancia, porque é un sector emerxente, unha fonte de creación de emprego e de incipiente fixación de poboación nova, que tenderá a se afincar onde teña medios de vida, alén de considerar un paraíso as paisaxes que a natureza e o ser humano foron esculpindo, nomeadamente nos canón dos ríos Miño, Sil e Cabe. Da man do turismo activouse o sector servizos, a creación de pequenas iniciativas empresariais que conforman a oferta turística e de servizos e empregan aproximadamente ao 28% da poboación activa de toda a contorna.

Canda isto tense consolidado un mercado vitivinícola importante e dignificado a memoria e as mans que de vello traballaron a terra, nomeadamente nas Ribeiras, e mantiveron contra os poderes económicos dominantes o labradío, as viñas, o gando e as casas abertas. Hoxe somos un xeodestino en crecemento con previsións boas en fluxos turísticos e con moitas posibilidades de sustentabilidade se acadamos a desestacionalización, é dicir, que nos visiten todo o ano, e temos territorio e recursos. Todo isto é un mérito da iniciativa privada, da poboación local e tamén das diferentes administracións que foron quen de artellar mecanismos e oferta turística suficiente para a promoción dun destino descoñecido. É o produto da planificación e da altura de miras, froito da colaboración entre o privado e público e de xuntar esforzos nun obxectivo común: Ribeira Sacra, destino turístico de calidade. E no canto de poñer en valor o ben feito, chega agora a excelentísima Deputación de Lugo e reduce o tempo de navegación dos catamaráns públicos, danando á mantenta o sector privado.

O feito de que se peche o servizo dos catamaráns catro meses ao ano axuda a baixar o número de pernoctas diarias, nomeadamente do mes de outubro até a fin do ano.

Razoen comigo. A quen, con dous dedos de fronte se lle pasa pola cabeza, pechar un servizo de percorridos en catamaráns polos ríos vinícolas na época da vendima, e na do outono, cando a actividade das vendimas e o cromatismo da vexetación de ribeira as converte en espectaculares? Como é posible que alguén que di planificar, aumente o gasto público dun servizo reducindo o propio servizo para asegurar a priori o beneficio dunha grande empresa en prexuízo do territorio e da propia xestión turística?

Só me queda apelar a ese sentidiño galego e que o goberno da Deputación provincial rectifique e goberne para as persoas aumentando o servizo e non o gasto, poñendo en funcionamento novas rutas coma a que navegaría dos Peares á Maiorga para completar a oferta, e poñer en valor esas miñas Ribeiras Románicas dos Concello de Pantón e Carballedo.