Cada un tira do seu

Xurxo Ayán TRIBUNA

LEMOS

22 nov 2019 . Actualizado a las 11:50 h.

Oactual proceso de construción ideolóxica da Ribeira Sacra como paisaxe imaxinada dá lugar a relatos que procuran lexitimar certos intereses políticos e económicos. Neste contexto, os hostaleiros dan de comer e de durmir, os adegueiros producen viño, os políticos xestionan e os científicos investigan. Así debería ser. O problema é cando a axenda do que cómpre facer aquí é definida só polo mundo da empresa.

Nesta nova inventio do século XXI o empresario Antonio Rodríguez destaca con luz propia. Imaxino a este emprendedor coma un Javier de Burgos do século XXI, debruzado sobre o mapa da Ribeira Sacra, lapis en man, definindo fronteiras imposibles, inventando xeografías inauditas, abrindo camiños históricos que, casualmente, sempre pasan polas súas leiras. Celebro o seu artigo en La Voz porque fai un chamamento á autoridade dos historiadores para alicerzar a súa hipótese viaria. A eses mesmos historiadores que desbotan a orixe romana da paisaxe vinícola da nosa ribeira e aos que el non fai caso. Cada un fala da Historia segundo lle vai nela. Rodríguez é un dos máximos responsables da socialización dun inexistente pasado romano. Por suposto, cada quen no seu solar pode facer arcos á romana, disfrazarse de centurión, montar norias e imaxinar a Nerón brindando co viño de Amandi mentres arde Roma. Outra cousa é convencer de algo que non existe a veciños, avaliadores da Unesco ou usuarios do turismo cultural e de calidade. Isto si é unha grande incongruencia. Despois das abas sacras e das vias luci, Rodríguez abre a porta a outra inventio: o-Camiño-de-Inverno-que-pasa-por-Doade. Unha vía que, seguindo o seu argumento, vén da época dos romanos (non podía ser doutro xeito), que existe porque pasa por unha ponte romana (ponte Bibei), porque une sitios bonitos e porque si. Porque a Via Nova foi moi importante…, claro, nun contexto como o da Gallaecia romana.

Esquence o autor que Santiago non existe como lugar de peregrinación cristián ata a inventio do século IX e que a rede medieval de camiños xacobeos configúrase dende aquela. Dende a prehistoria o val do Sil é o acceso natural ao interior de Galicia. Sabíano os romanos e os enxeñeiros decimonónicos do camiño de ferro. A Orde de Malta asentouse en Quiroga e O Incio para dar servizo hospitalario aos pelegríns. A nova vila da Pobra do Brollón xurdiu no século XIII co apoio da Coroa, como nó viario nesa ruta xacobea coñecida hoxe como Camiño de Inverno. E así poderiamos seguir, predicando sós nos socalcos e os pataos.

Remata Rodríguez de xeito desafortunado, ao meu ver, dicindo que o Camiño non debe ser catapulta (romana, supoño) para «encumbrar a personajes de diversa índole ni para servir a intereses personales y localistas». Un home educado, implicado na loita contra o feísmo, debería poñer nome e apelidos, porque é moi feo guindar a pedra e agochar a man. Pero o gran mérito do empresario, na miña humilde opinión, é crear nestas páxinas un novo xénero literario: o alegato localista contra o localismo. Isto si que é revolucionario. Como dicía o meu avó: Cada un tira do seu pra que lle medre.