A Montaña está na UCI, non a maten

Lourdes G. Sotelo TRIBUNA PÚBLICA

LEMOS

06 ene 2021 . Actualizado a las 17:44 h.

Son mestra do colexio do Courel. Pouco antes de rematar este raro primeiro trimestre soubemos da nova contratación do transporte escolar: un lote de transporte para seis concellos, con redución de rutas para O Courel, e uns requisitos mínimos dunha frota de dez microbuses para optar a ese contrato. Nesas condicións, os nosos transportistas (nin uníndose todos eles nin cos do concello veciño de Quiroga) non dan o perfil. Non poderán seguir facendo o transporte escolar ningún deles: postos de traballo, tan escasos na montaña, que perde O Courel. Ademais, reducir as rutas significa aumentar quilómetros para os traxectos que quedan e, polo tanto, tempo para os nenos e nenas que van no bus.

Políticos, estades aí para administrar e organizar de mellor xeito posible o que é de todos. E o que se pretende facer co transporte escolar do Courel é prexudicar a pouca normalidade que nos queda na montaña.

Vivo no Courel. Aquí xunto coas montañas irmás dos Ancares está a maior biodiversidade de Galicia. É a terra de fermosos bosques e de animais que sorprende que aínda compartan o noso planeta. O Courel e Ancares son así, en parte, porque hai persoas que viven aquí, que manteñen a paisaxe, o alimento e as casas onde moita xente das cidades vén atopar descanso. Queren que isto se converta nun parque temático para pasar o día ou queren un espazo vivo onde se protexe a súa sociedade e a súa natureza?

Non lles pido que aumenten a pensión á xente maior que ten que desprazarse máis de cen quilómetros para facer unhas probas médicas; nin que lles reduzan os impostos a quen ten negocios que facilitan a subsistencia aos que vivimos aquí e aos que veñen de vacacións; nin que proporcionen axudas a quen ten que cambiar ferramentas para atender a súa explotación gandeira ou o seu souto, proporcionando alimento e diversidade de ecosistemas… Só lles pido que non poñan máis dificultades a quen vive aquí, que consideren a montaña como o lugar especial que é.

Necesitamos xente que traballe e que viva aquí. E esas persoas que viven aquí merecen moito a pena. De feito, é unha das razóns polas que sigo vivindo no Courel. Son afortunada de vivir no Courel, no lugar máis bonito de Galicia, pero sobre todo o lugar onde atopei as mellores persoas que coñezo é síntome agradecida de formar unha comunidade con eles.

A Montaña merece ser agarimada: a súa xente e o seu espazo. Aquí hai moitas cousas que merecen ser conservadas: empecen pola súa xente.