A política é a arte das cousas posibles

Rosa Ana prieto Florines VECIÑA DE CASTILLÓN E VOCEIRA DO BNG EN PANTÓN

LEMOS

13 mar 2021 . Actualizado a las 19:43 h.

Comezaba a semana cun 8-M no que se discutiu até a data, pero onde o mundo se chama Castillón recibíamos a visita de xentes que de lonxe viñan pedir unha estrada que puideron xa arranxar eles mesmos dende o Concello de Pantón con cartos do Plan Único, como fixeron con outras. Pero « o cortés non quita o valente» e imos dar por ben feita a recepción que tiveron dunha petición xusta, necesaria e urxente que a asociación de veciños San Antonio de Santiago de Castillón fixo aos tres grupos políticos da Deputación de Lugo.

Os que viñan eran homes do PP de Lugo, de Pantón e cámaras das que non adoitamos ver por estas terras, foi tal o despregue que houbo quen pensou que viñan «os da carretera» xa que sen tempo non sería.

Aquí sufrimos na cotidianeidade as deficiencias nos servizos e as consecuencias das desavenencias das cúpulas do poder, xa for nas institucións, xa for nos partidos políticos. Esta é unha estrutura vertical á que parecemos condeadas e á que algunhas non nos resignamos, e pido dende o respecto persoal e institucional o dereito a habitarmos as aldeas en igualdade de oportunidades co medio urbano no que afecta ao servizos básicos, xa for auga e saneamento señorías do concello de Pantón e da Xunta, xa for o dereito ao acceso rodado ás nosas casas señorías da Deputación de Lugo.

A esa dereita do PP que mercantiliza a sociedade non lle treme a man para dotar aos Escolapios ou ás Bernardas de máis dun millón de euros para facer muros, albergues e outras intervencións nunha propiedade privada con valor histórico e patrimonial si, pero privada sen matices. E levamos onde eu vivo agardando a auga, o saneamento e mesmo a estrada máis de 15 anos cando eran novos os que xa non están. Non teñen pudor cando veñen reclamarlle ao contrincante político unha estrada que nos cómpre e que eu pido máis ca vostedes créanme, pero resulta que ademais das fochancas aquí público non temos nada porque vostedes señorías do PP, fixeron do esquecemento política, e da desidia sistema para castigar o rural e a quen vivimos nel. Falen entre vostedes, porque no concello o PP non apoia a petición do BNG para solicitar os arranxos das estradas á Deputación e despois veñen gravar vídeos para facer que piden o que impediron co voto no pleno de Pantón.

Ao presidente da Deputación de Lugo e responsable de vías e obras, como veciña desta provincia lémbrolle que de vostede depende tamén que das nosas aldeas se acabe indo máis xente xa farta por unhas máquinas que rozan para empezar, que non empezan, que crean esperanza e despois frustación.

Mire á estrada de Escairón a Ferreira que xa sei que está licitada, pero non acaba de ser o que ten que ser; ou a de Castillón ou Acedre, hai vida máis alá dos límites municipais de Monforte e vostede é tamén o noso presidente.

Estará agora pensando quen me le que «o BNG tamén ten algo que ver» pois claro! Como se non ía ser o PSOE quen presidira o goberno provincial?

A ese BNG institucional tamén apelo hoxe dende aquí e fago miña a frase da carta que a asociación de veciños da miña parroquia lles enviou: «Sen sermos moitos, somos os que quedamos. Axúdennos a vivir aquí» porque a política é tamén a arte das cousas posibles.

Fágano posible.