Camiñando pola senda do patrimonio mundial

Xosé Manuel Moure ADEGUEIRO

LEMOS

Ruta de senderismo del cañón del río Mao, afluente del  Sil, en la Ribeira Sacra de Ourense
Ruta de senderismo del cañón del río Mao, afluente del Sil, en la Ribeira Sacra de Ourense ALBERTO LÓPEZ

19 may 2022 . Actualizado a las 14:41 h.

O excursionismo como tal naceu a cabalo dos séculos XIX e XX cando o movemento Rexeracionista e a Xeración do 98, analizando a decadencia española, deron lugar a unha visión pesimista do país que provocou a procura da súa xenuína cultura e iso supuxo o descubrimento do patrimonio artístico, monumental e natural que se asociará coas raíces da identidade nacional. Ao mesmo tempo, a radical renovación pedagóxica desde os sectores máis progresistas, como a Institución Libre de Enseñanza, acadou o interese do excursionismo na procura da harmonía entre o home e a natureza como medio pedagóxico.

Xa a finais do século XX, e co fin de fomentar a diversidade cultural e o diálogo entre pobos, ao mesmo tempo que se propiciaba a diversidade turística e o desenvolvemento de iniciativas asociadas de carácter sostible, a Unesco promove os itinerarios culturais e no ano 1993 declárase patrimonio mundial o Camiño de Santiago. Os que o coñecemos, sabemos da riqueza, non só económica, que xera polas vilas e aldeas que atravesa. Nin se espera nin esperemos que suceda esa masificación no Camiño de Inverno, pero atendendo ao potencial que ten si se poderían facer máis cousas para atraer camiñantes. Aínda que se está mellorando, hai moitas deficiencias nos servizos, nas infraestruturas e en detalles de feísmo. E tamén carencias no interese e sensibilidade por parte dos rexedores, quizais coas excepcións de Sober e Parada de Sil.

Pero tamén hai outros camiños e outras rutas de sendeirismo de carácter local, moitas delas deseñadas, abertas e incluso homologadas por asociacións de veciños e outros colectivos particulares, que sofren aínda en maior grao a deixadez, desinterese e falta de visión de futuro dos organismos públicos. Un desleixo máis grave se cabe no contexto da actual proposta para converter a Ribeira Sacra en patrimonio da humanidade. Rutas colgadas sobre as viñas en socalcos con asombrosas vistas sobre os ríos e que atravesan pequenas aldeas de alto valor etnográfico, amplos soutos e sombrías carballeiras, e igrexas de alto valor patrimonial, permanecen sen mantemento nin conservación por parte das respectivas corporacións, pese aos chamamentos nese sentido. Só se busca un turismo de coche, atasco e masificación.

O supermercado da cultura sitúa nos seus estantes o patrimonio e a paisaxe como un produto máis de consumo. Unha industria nova diversifícase cara ao ocio e o turismo. A parte boa é que o patrimonio sae favorecido nas novas industrias culturais. O lado malo é o perigo dunha banalización dos valores propios. Nós temos que elixir -se é que non elixen realmente por nós- se queremos caer na banalización e na masificación ou se apostamos máis ben pola diversificación e a sostibilidade. E volvendo ás sendas que nos poden levar a ser patrimonio mundial, estou convencido de que hai outra forma distinta de coñecer a Ribeira Sacra que non sexa en coche ou en catamarán.