Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade e postpolítica

Rosana Prieto RESPONSABLE COMARCAL DO BNG

LEMOS

Turistas nun viñedo da parroquia de Doade, no municipio de Sober
Turistas nun viñedo da parroquia de Doade, no municipio de Sober CARLOS CORTÉS

A postpolítica defínese pola perda dos debates ideolóxicos profundos, substituídos pola xestión técnica de expertos, a mercadotecnia e o espectáculo nas redes sociais. Neste escenario, o vello conflito entre visións ideolóxicas globais cámbiase pola colaboración entre tecnócratas ilustrados e liberais multiculturalistas que acordan mediante a negociación de intereses, sen importar a ideoloxía que dicían encarnar. Esta é a maneira de resolver as novas problemáticas. A fórmula que mellor expresa isto quizais sexa a que utilizou Tony Blair para definir o New Labour como centro radical, cando ata ese momento o centro era «por definición» moderado, pois radical era un adxectivo reservado ao extremo da dereita ou da esquerda, mais o concepto de radical centre é tan absurdo como o de «radical moderación». A postdemocracia precede á postpolítica e amósanos un escenario sen ideoloxías no que os partidos son intercambiables entre si, porque os antagonismos diluíronse na falta de ideas que inspiran a acción política.

Se aplicamos isto á Ribeira Sacra, vemos como a pasada semana comezaba coa devolución ou referral da candidatura da «Paisaxe da Auga», celebrada coma un éxito polos partidos que gobernan na Xunta e no Estado nun delirio argumental no que culpan os técnicos do Icomos por non veren o valor excepcional, e non saberen «interpretar unha paisaxe cultural», segundo declara o conselleiro de Cultura e avala o embaixador ante a Unesco, que defende que a decisión sexa «só política».

No canto de recoñeceren as eivas da proposta realizada por consultoras da Coruña e Madrid, pagada polo Goberno da Xunta, e facérense cargo do erro político que supón non xestionar o territorio, desacreditan sen pudor o traballo dos técnicos de Icomos, cunha lectura falaz do referral do expediente.

Ocultan un fracaso que imos vivindo a chorros, como os que desde o venres hai na capital do partido xudicial de Monforte, o punto máis baixo e coas maiores temperatura do val, nun contexto de quecemento global. Parece unha broma macabra que o deputado provincial por Lemos empregue uns 491.000 litros de auga para encher unha fonte e teña varias parroquias sen o servizo de augas da traída, priorizando o uso recreativo sobre a consideración de auga como ben de primeira necesidade. O mesmo actor político que o luns 27 de xullo abría a xuntanza dos alcaldes co conselleiro de Cultura para secundar unha candidatura mal enfocada e que non deu coa clave do valor excepcional.

Faltou ambición política na formulación e rigor técnico na redacción, alén da sensibilidade para coas comunidades locais que ollan con medo unha figura que só perciben como limitadora, e que afecta a menos de 2.000 persoas que aínda habitan as ribeiras e son BIC na categoría de paisaxe cultural.

Como os alcaldes da comarca secundan a Candidatura Paisaxe da Auga e nola negan á veciñanza ou a dan con continuos cortes? Como se invisten nunha fonte máis de 600.000 euros para uso recreativo e non se invisten nas traídas das parroquias monfortinas que faltan? Os técnicos viron a falta de poboación, de usos, e a nula xestión dun territorio inzado de aldeas onde vivir é máis complicado porque a falta de servizos resulta disuasoria e imposibilitadora da cotiandade, e isto si ten solución, e é política: poñer as traídas de augas.