Milladoiro encabezará o cartel do festival As Cores do Outono

A POBRA DO BROLLÓN

Unha actuación recente de Milladoiro no Festifolk Costa da Morte, en Carballo
Unha actuación recente de Milladoiro no Festifolk Costa da Morte, en Carballo BASILIO BELLO

A actuación ofrecerase o 14 de setembro na Pobra do Brollón

19 ago 2019 . Actualizado a las 17:47 h.

O célebre grupo Milladoiro encabezará o cartel da sexta edición do festival As Cores do Outono, que se celebrará na Pobra do Brollón o 14 de setembro. O programa foi presentado hoxe polo Concello, que o organiza co apoio da Deputación a través do Plan Único. No acto participou a vicepresidenta do organismo provincial, Maite Ferreiro, quen afirmou que «estes seis anos demostran que é un festival consolidado, cun número de persoas seguidoras que cada a ano acoden a este espazo tan marabilloso a desfrutar duns concertos que representan a nosa cultura e idioma». Pola súa parte, o alcalde José Luis Maceda apuntou que o festival «é un referente non só na provincia de Lugo senón tamén en toda Galicia».

A nova edición do festival arrancará ás 19.30 horas co espectáculo familiar «Concerto singular», unha comedia musical da compañía Píscore. Ás 21.00 comezarán as demais actuacións. Xunto con Milladoiro, actuarán o músico ourensán Magín Blanco e o grupo Bouba Pandeireteiras, que este ano representou a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, na Bretaña francesa. A presentación correrá a cargo de do actor e monologuista Avelino González.