A Aguada, a reitoral tapada pola hedra

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

CARBALLEDO

ROI FERNÁNDEZ

As ruínas desta antigua casa parroquial aínda sorprenden pola súa monumentalidade, a pesar do abandono

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En ruínas polo abandono, a casa reitoral da Aguada aínda mantén en pé os seus muros principais, sorprendendo pola súa magnificencia a quen por alí se achegue. Esta propiedade do clero e tamén da parroquia, denominada Granxa, foi a máis forte das posesións do Real Mosteiro de Oseira en terras de Carballedo xunto coa Granxa de Furco e a Granxa de Oleiros.

Cómpre anotar que tan só a de Oleiros e a de Furco manteñen o sobrenome de Granxa. Á da Aguada xa hai anos que ninguén lle chama así. Son, ou máis ben eran, construcións feitas polos monxes no século XVIII ou anteriores nas súas orixes, de gran calidade nas súas fábricas de muros de granito, con agradables solainas e posuidoras de fértiles terras darredor. As tres fortes casas conservan o escudo do mosteiro cisterciense que está ao pé da Serra da Martiñá, mais no caso da que falamos as hedras medraron de xeito que xa non é posible velo.

Informacións de 1753

Atendendo a esta escolma do célebre catastro do marqués de La Ensenada correspondente á parroquia de Santa Baia da Aguada e coa data da páxina correspondente -a vinte días do mes de marzo de 1753 en presencia do pai frei Jacinto de la Thorre, cura párroco de dita freguesía-, podemos facernos unha idea do poder e riqueza que ostentou no pasado esta casa contigua á igrexa parroquial, igrexa que aínda mantén notables elementos que dan testemuño da súa orixe románica.

«Á primeira pregunta dixeron que dita freguesía chámase de Santa Baia da Aguada, Xurisdición de Oseira e provincia de Lugo. Á segunda dixeron ser de Señorío do Reverendísimo Pai Abade e monxes do Real Mosteiro de Santa María de Oseira, sen que por esta razón perciba dos seus veciños cousa algunha. Á decimoquinta dixeron que sobre o que producen as terras do término áchanse impostos dezmos que percibe in solidum o Real Mosteiro de Oseira e así mesmo faino dos años, cabritos, leitonciños, viño, la, polos e outras legumes e ademais do referido, paga o veciño de maior caudal por razón de primicia á fábrica de dita freguesía un ferrado e cuarto de centeo, o de mediano un, o de menor medio e o de mínimo un real de vellón, e de máis e outros fano dun ferrado e terzo en particular por razón de voto á Mesa Capitular do Señor Santiago e cinco maravedís á Virxe dos Ollos Grandes da Catedral de Lugo e responden».

O edificio foi unha das posesións que o mosteiro de Oseira tiña en terras de Carballedo

«Don Eladio, o crego da parroquia, tocaba a campá da igrexa sen saír da súa casa»

Pegerto Torres Hermida é o arcipreste de Chantada e coñeceu habitada esta casa e tamén ben máis habitada á freguesía, pois naceu na aldea do Rañadoiro, pertencente á parroquia de Furco, raiana coa da Aguada nas terras onde o Búbal, aínda que de novo xa moveu algún muíño.

Lembra Torres que a casa estivo habitada ata o ano 1980 aproximadamente e que o derradeiro crego que viviu nela foi Eladio Rodríguez, natural de Buciños. Esta casa ten un problema evidente no exterior, nunha grande parede á que se lle desintegran os bloques de granito. A causa é que o crego Eladio cebaba marraos e salgaba a carne pegada á parede, de maneira que o sal ía penetrando pola pedra ata desfacela. Lembra tamén Pegerto Torres que grazas á proximidade da reitoral a o campanario da igrexa, o crego, axudado dun sistema de cordas e arames, podía tocar as campás sen saír da casa, actividade agradecida nos días de choiva.

Outro dato sobre a propiedade do edificio que aporta o arcipreste, é que a mediados ou comezos do século XIX a titularidade da casa reitoral da Aguada pasou de Oseira á diócese de Lugo.