Un Cantón que estaba lonxe de ser invadido polos automóbiles

Rodrigo Fernández
ROI FERNÁNDEZ CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

ARQUIVO ROI FERNÁNDEZ

A xeneralización do uso dos coches mudou o aspecto dun dos recantos máis típicos da localidade

22 mar 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

A ausencia de tráfico rodado é o primeiro que chama a atención na antiga postal situada á dereita destas liñas, datada na década de 1960. O aspecto que que presenta hoxe a praza chamada oficialmente de España -sempre coñecida como praza do Cantón polos veciños de Chantada- é certamente moi diferente do que ofrecía nos tempos en que uso do automóbil aínda estaba lonxe de xeneralizarse. Nesa época tampouco existían os modernos contedores de lixo.

Pero na vella imaxe hai máis diferenzas con respecto á actualidade. Nesa época aínda eran habituais en Chantada as galerías pintadas de branco ou de azul vello, mentres que hoxe se pintan imitando a cor da madeira. Á dereita da postal, por outra parte, pode verse unha das antigas farolas que antano iluminaban as rúas e prazas da localidade e que foron reemprazadas por outras hai moito tempo. Non desapareceron de todo, porque algunhas delas aínda se conservan en xardíns de chalets.

Tamén experimentou cambios o edificio que pode verse ao fondo na postal, por detrás dun pequeno grupo de adultos e rapaces. Nese inmoble había por entón unha reloxería na que se exhibían os carteis anunciadores das películas que se proxectaban nos cines locais. A reloxería, ao igual que as salas de cine, desapareceu hai xa moitos anos.