Rebordaos e Pesqueiras

José Antonio Lorenzana TRIBUNA

CHANTADA

06 ago 2022 . Actualizado a las 17:10 h.

A semana pasada, dende a cociña da miña casa, no lugar do Outeiro de Pesqueiras (Chantada), comezou literalmente a cheirarme a chamusco. Saín á fiestra e ao asomarme observei que a ladeira de Rebordaos (O Saviñao) ardía de novo. Estaba decidido a chamar ao 085 cando vin sobrevoar ao helicóptero do servizo de extinción de incendios; así a miña función reduciuse a observar durante toda a tarde ditas tarefas de extinción —praceres de xubilado—.

Ao día seguinte arranquei a andar polo camiño que une o lugar do Outeiro co de Vidal, rodeado por completo de broza e maleza. De súpeto pensei que se chegan a prender lume neste lado do río Miño, dende os Facheiros pasando polos Bacelos, á igrexa románica de Pesqueiras ata o Outeiro, estariamos perdidos.

É un feito que na nosa freguesía contamos cunha xoia da arquitectura románica da que presumen as institucións, que está presente en moitos folletos promocionais da Ribeira Sacra e na que, incluso, se organizan a cotío visitas guiadas. Vendo o lume tan preto estes días, reflexionei sobre o futuro deste templo e xa lles digo que calquera día nos levaremos as mans á cabeza; non só porque poda arder, senón polas pólas dos castiñeiros que ameazan a súa cuberta e a auga que calquera día se filtrará ata chegar ás pinturas murais renacentistas.

Hai aproximadamente un mes acudín a unha reunión no auditorio municipal de Chantada con motivo dos «chalés de San Fiz», onde se propuxeron proxectos aberrantes sufragados polas arcas públicas —máis de oito millóns de euros!—, para unha parroquia que agoniza e que nin tan sequera conta con axudas para cubrir os dereitos básicos dos seus veciños (auga da traída, saneamento etc)

É aberrante que se malgasten os cartos desta maneira, cando hai tantas necesidades persoais, así como a falta de protección do templo de Pesqueiras (declarado BIC en 1956) ou a urxencia dun plan de protección fronte os lumes na parroquia.

Agardo equivocarme e que non teñamos que levarnos as mans á cabeza.