Este venres comeza o Nadal en Chantada, polo menos nas rúas

Carlos Cortés
Carlos Cortés CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Decoración de Nadal na praza de Galicia de Chantada
Decoración de Nadal na praza de Galicia de Chantada CONCELLO DE CHANTADA

Esta é a programación completa organizada este ano polo Concello

03 dic 2025 . Actualizado a las 20:51 h.

O Concello de Chantada abrirá este venres, 5 de decembro, a programación de Nadal co acendido ás oito e media da tarde da iluminación nas rúas e a apertura do poboado instalado na praza do Mercado e na praza da Paz. A proposta municipal inclúe decoración renovada, actividades culturais para público infantil e familiar, cine, espectáculos, música, deporte e campamentos de conciliación.

O alcalde, Manuel Varela, destaca o esforzo do Concello por continuar ampliando ano a ano a decoración e a iluminación da vila: «Seguimos a liña doutros anos, colocamos 120 arcos luminosos e aumentamos os metros de guirnalda de decoración. Este ano, entre as novidades hai que mencionar que iluminamos a zona do parque da Alameda, con árbores nas que se coloca a decoración que identifica as 36 parroquias do concello e ilumínanse as varandas da ponte que leva ao muíño».

A praza de Galicia volverá acoller a tradicional árbore de Nadal e diferentes espazos para facerse fotos, mentres que a praza de Santa Ana contará tamén con novos elementos decorativos destinados a dinamizar a hostalaría e o comercio e a estender o ambiente festivo aos máis pequenos e pequenas.

O alcalde convida á veciñanza a participar no acto inaugural do venres: «O ano pasado moitas familias participaron desta celebración da apertura do poboado e inauguración da iluminación».

Esta é a programación do Nadal que organiza este ano o Concello de Chantada

Venres, 5 de decembro

  • 18:00 h. Biblioteca Pública Municipal. Contacontos A carta de Nadal (Lalá Teatro). A partir de 3 anos.
  • 20:30 h. Praza do Mercado. Acendido das luces e apertura do tradicional Poboado de Nadal de Chantada.

Venres, 19 de decembro

  • 18:00 h. Biblioteca Pública Municipal. Contacontos Leo e o Nadal. Para nenos con idades comprendidsa entre os 1 e os 4 anos.

Luns, 22 de decembro

  • 18:30 h. Auditorio municipal. Proxección da película Noite de Paz, Holy Night.

Venres, 26 de decembro

  • 18:30 h. Auditorio Municipal. Proxección da comedia de acción Red-One.

Sábado, 27 de decembro

  • 17:15 h. Centro da vila. Segunda edición da carreira «San Silvestre no corazón de Galicia».
  • 19:00 h. Auditorio municipal. Espectáculo de circo e comedia Mayday.

Luns, 30 de decembro

  • 18:30 h. Auditorio municipal. Concerto familiar de Gramola Gominola.

Venres, 2 de xaneiro

  • 18:00 h. Biblioteca pública municipal. Contacontos A osiña amorosa, Gemola volve polo Nadal.

Domingo, 5 de xaneiro

  • 18:30 h. Cabalgata de Reis. Recepción ás nenas e nenos no auditorio municipal ao remate do desfile.

O Concello completa a programación con campamentos e obradoiros de conciliación. O prazo para apuntarse neles permanece aberto ata o 10 de decembro. A inscripción lévase a cabo nas oficinas dos servizos sociais municipais