A volta ao cole trae consigo o desgusto duns —profesorado e alumnado— e o pracer doutros —«pais/nais/titor/a legal», como rezan as autorizacións—. Entre as bondades que, malia o desgaste por desidia, desatención ou intereses pouco loables, lle quedan á educación pública hai unha que esquecemos: a mesturanza. Especialmente onde non hai opcións privadas.
Poño por caso o meu, non por anecdótico, senón polo contrario. Estudar no IES Lama das Quendas de Chantada fíxome compartir aula con quen despois estudou nunha universidade privada impagable para moitos dos seus compañeiros e que, de existir antes esa opción, quizais entendería por «público» pouco máis ca compartir asento no WiZink Center ou no Náutico de San Vicente en verán.
Pero tamén compartiamos aula coas irmás marroquís, acabadas de chegar e cunha adaptación máis alá da barreira idiomática. E co rapaz ao que lle custaba relacionarse e que, noutras circunstancias, quizais acabaría nunha escola «máis axeitada para un neno especial». Polo medio andabamos os que nada tiñamos de especiais, pero a quen houbo quen nos tratou como se o fósemos.
Aí tamén se aprende. Apréndese que o fillo da familia con máis recursos e quen acaba de chegar doutro país poden —e deben— ser tratados como iguais. Que quen ten máis dificultades para encaixar segue formando parte do grupo. E que os que estamos «polo medio» tampouco somos tan normais como pensamos.
Entre as bondades da educación pública seguen estando eses e esas profesionais que conseguen que a mestura non sexa só coincidir baixo o mesmo teito. Docentes que, moitas veces máis alá do temario, fan que xente que parte de situacións moi distintas aprenda xunta e teña as mesmas regras, oportunidades e, tamén, dereito a equivocarse. A verdadeira forza do sistema público está aí. Máis alá de estudar en Chantada ou nunha gran capital e, —vala a redundancia— máis alá do capital de cada familia.
Porque a igualdade non consiste en facer como se todos fósemos iguais, senón en aprender a convivir sabendo que non o somos. Nesa convivencia tamén se educa a tolerancia: non como unha palabra bonita, senón como un baluarte social.
Valorar a educación pública é valorar un piar esencial. Defender a súa calidade non debería ser unha mera consigna política: é defender que a orixe pese menos, que os cartos pesen menos e que a diferenza non determine ata onde podemos chegar.
Bo inicio de curso.