Vilamor do Courel recupera de novo o baile dos toxos

La Voz

FOLGOSO DO COUREL

ALBERTO LOPEZ

A tradición, asociada ás épocas de fortes nevadas, perdeuse nos anos 70 e resucitou durante un tempo na pasada década

15 ene 2019 . Actualizado a las 12:37 h.

A localidade de Vilamor do Courel recuperará o 2 de febreiro o baile dos toxos, unha singular tradición asociada á festividade local de San Vicente que desapareceu a principios dos anos 70 e que volveu celebrarse durante un tempo na pasada década. Ata eses tempos, era habitual que os bailes desta festa se celebrasen no interior das cortes sobre unha camada de toxos, xa que nesa época do ano as fortes nevadas eran moi frecuentes na serra. O baile dos toxos foi recuperado no ano 2001 e continuou ata o 2007, pero nesas ocasións non se celebrou dentro das cortes, senón ao aire libre. Os veciños que organizaban a festa deixaron de facelo por falta de xente nova.

A nova edición será organizada por un grupo de veciños de Vilamor co apoio do Concello, da asociación Montañas do Courel e de varias empresas. O programa de actos comezará ás 12.30 horas cunha misa solemne en honra de san Vicente na igrexa parroquial. Seguidamente haberá unha sesión vermú animada por grupos de música tradicional. O baile celebrarase na praza do Quintairo, que se cubrirá de toxos e estará protexida por unha carpa. Os organizadores piden aos participantes que acudan ao baile vestidos de época e concederán un premio á mellor caracterización. No recinto do festexo haberá postos de polbo, churrasco, filloas, cervexa artesá, sidra e embutidos.

Na imaxe sobre estas liñas, un momento da celebración do baile dos toxos no 2003.