«Fillos do sol» abrirá un ciclo teatral en Monforte o día 24

MONFORTE DE LEMOS

MARTINA MISER

Ata o 11 de abril ofreceranse no edificio multiusos seis representacións, dúas delas dirixidas ao público infantil

20 ene 2019 . Actualizado a las 16:09 h.

A compañía Contraproducións abrirá o día 24 -coa representación da obra Fillos do sol- un ciclo de funcións teatrais no auditorio do edificio multiusos de Monforte, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. A peza, orixinal de Cándido Pazó, recrea en clave de ficción os últimos anos do poeta Eduardo Pondal e a súa obsesión coa obra Os Eoas, cuxa redacción ocupou boa parte da súa vida .

O ciclo continuará o 14 de febreiro coa posta en escena de Celebración. A gran noite, da compañía ourensá Sarabela. O 14 de marzo, o grupo Aporía Escénica representará a peza 30 e tantos ósos. Para o 11 de abril está prevista a representación de O caso é ter saúde a cargo da compañía Malasombra.

Por outro lado, o ciclo teatral comprende dúas obras dirixidas ao público infantil. A primeira delas é Patapatúm, da compañía Elefante Elegante, que se ofrecerá o 24 de febreiro. A segunda é A galiña azul, do grupo Tanxarina, que poderá verse o 10 de marzo.

As representacións para adultos comezarán ás 20.15 horas e as infantís, ás 18.00 horas. O prezo da entrada xeral é de cinco euros e para os estudantes, desempregados e xubilados redúcese a tres euros.

Na imaxe sobre estas liñas, un momento da representación de Fillos do sol, da compañía Contraproducións.