A Feira Medieval de Monforte xa ten vídeo e cartel

MONFORTE DE LEMOS

O actor Miguel Borines interpreta a peza audiovisual que promociona o festexo

22 mar 2019 . Actualizado a las 16:08 h.

A próxima edición da Feira Medieval de Monforte -que será a número dezasete, entre os días 20 e 21 de abril- xa conta con vídeo e cartel promocionais, que foron presentados esta mañá na casa consistorial. O vídeo foi realizado pola produtora audiovisual monfortina Amanita Films e está protagonizado polo actor vigués Miguel Borines, quen representa a un peregrino que chega a Monforte polo Camiño de Inverno. O texto que acompaña ás imaxes foi escrito polo cineasta Luis Avilés Baquero. O cartel foi deseñado polo monfortino José Antonio Quiroga.

Segundo explicaron o alcalde José Tomé e o produtor Iván Patiño -responsable de Amanita Films-, o vídeo foi realizado coa idea de darlle un contido diferente ao dos que anunciaron as tres anteriores edicións da feira medieval. O peregrino que representa Miguel Borines aparece entrando en Monforte pola ponte vella. «A idea que se pretende transmitir con isto é que Monforte é unha ponte no camiño, non un principio nin un final», sinalou a este respecto o rexedor.

Polo que respecta ao cartel, combina os motivos da muralla medieval, a torre da homenaxe, a letra tau -que ten servido tradicionalmente como símbolo do municipio-, unha figura feminina e unha aguia real. A inclusión da figura dunha muller, segundo indicaron o autor da obra e o alcalde, alude á importancia dos actuais movimentos reivindicativos dos dereitos femininos e ao papel das mulleres na feira medieval, especialmente nos espectáculos que pechan a celebración. A presenza da aguia -engadiron- débese a que na edición deste ano terán máis importancia as exhibicións de cetrería que habitualmente forman parte do programa.

O vídeo xa foi editado no portal YouTube e poderá accederse a el desde as webs do Concello e do Eixo Atlántico. O cartel será distruibuido polos diferentes municipios da comarca e nas principais localidades galegas.