«Non son Tomé, que todo o ten que facer el; eu teño o mellor equipo»

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

21 may 2019 . Actualizado a las 05:05 h.

Maribel García (1957, A Fonsagrada) entrou hai catro anos na corporación en representación de Esperta Monforte, unha candidatura independente que naceu á calor dos métodos asemblearios do 15M. E aí segue, reivindicando os seus catro anos de oposición frontal á xestión de José Tomé.

-Foron catro anos de enfrontamento duro co alcalde. Arrepíntese de algo?

-Non, non me arrepinto do traballo que fixemos no Concello. Iso si, dáme pena que un alcalde que se sabe colocar tan ben para coller a pancarta do día contra a violencia de xénero despois deixe que o seu portavoz diga que ás tres portavoces da oposición nos deberan correr a gorrazos.

-Pero quizais cunha oposición máis suave conseguirían coar algunha medida nestes catro anos.

-O alcalde nunca se dirixiu a min para tratar de acordar nada. Fomos nós os que lle propuxemos moitas veces traballar conxuntamente nos temas prioritarios para Monforte. É difícil colaborar cunha persoa que non escoita. E o pouco do que nós propuxemos e que aprobou despois vendeuno como se fose idea súa.

-A que se refire en concreto?

-Hai varios exemplos. A rampla do centro de saúde, o incremento das achegas aos deportistas individuais, os parques infantís inclusivos... Todo propostas nosas que despois, cando o equipo de goberno se puxo a aplicalas, fíxoo coma se fosen ideas súas. Menos o dos parques inclusivos, que dixo que está feito, e non está.

-E se fixese falta poderían pactar algún tipo de acordo de goberno con Tomé despois das eleccións?

-Deses pactos hai que falar despois das eleccións. Pero nós non lle facemos un cordón sanitario a ninguén. O único cordón sanitario que temos é o noso programa. Quen asuma cousas que para nós son irrenunciables, como a peonalización da ponte vella, a depuradora, o PXOM, o fomento do emprego, a fixación de poboación non rural, o apoio ao comercio local... e todo con medidas concretas e por escrito, entón tería o noso apoio. Tomé tamén.

-Tampouco lle poñen cordón sanitario ao PP?

-Repito, o único cordón sanitario para nós é o noso programa. Pero confío en que non me saque o titular de que estamos dispostos a pactar co PP.

-E vese preparada para catro anos máis na oposición con Tomé con maioría absoluta?

-Non contemplo que Tomé vaia ter maioría absoluta.

-E para gobernar vese preparada?

-Por suposto. Teño, sen ningunha dúbida, a mellor candidatura das que se presentan. Somos xente de moitos sectores e, á parte dos que imos na candidatura, temos axudas externas de xente especializada en asuntos fundamentais para o futuro de Monforte. E eu non son Tomé, que todo o ten que facer el, todo ten que pasar por el e, se non é así, entón xa non lle vale. Eu non son así, busco o mellor equipo. E iso vese no noso cartel electoral e na nosa campaña, porque estamos todos. E demostrando orixinalidade, que estamos no século XXI. O PSOE fai unha campaña do século XX, sen nada de innovación, cun folleto que fala de asfalto, alumeado e algo de procesións.

«Os escindidos do BNG non están con nós porque non quixeron»

Cando hai dous anos tres dos catro concelleiros do BNG de Monforte se deron de baixa nesa organización e seguiron como concelleiros, todo apuntaba a que ían alcanzar algún tipo de acordo con Esperta Monforte para iren xuntos ás eleccións municipais. Pero finalmente non foi así.

-Por que non foi posible unha candidatura conxunta cos concelleiros escindidos do Bloque?

-Non podo contestar a iso. Nós convocamos reunións abertas e unha asemblea pública ás que puideron vir e sumarse quen quixesen. Eles non viñeron e nós non os chamamos. As portas de Esperta Monforte están abertas para calquera veciño, independentemente de onde veña e a onde vaia, se é de esquerdas ou de dereitas, se é ateo ou vai á misa. Só esiximos que acepte o noso manifesto e o noso código ético.

-Pero falarían desta posibilidades con eles algunha vez durante estes últimos anos.

-Eu son leal ao meu partido. As normas son as que son e a porta está aberta para todos.

-E dígame, Esperta Monforte está nas Mareas ou non está?

-[Suspira] Xa non sei como explicalo. En Esperta Monforte hai persoas que están inscritas na Marea, e outras que non, pero...

-Vostede está inscrita?

-Eu estiven inscrita hai tempo, non é ningún segredo, pero tampouco é algo como unha afiliación tradicional a un partido político. En calquera caso, Esperta Monforte é nestas eleccións unha candidatura absolutamente independente. En toda a campaña non vai pasar por aquí para colaborar con nós ninguén de En Marea.