Manuela Brao, enfermeira e presidenta dunha nova asociación de enfermería: «É moi complicado vivir pegada ao teléfono»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

OSCAR CELA

Un grupo de profesionais están a crear unha nova entidade de loita para reivindicar contratos dignos e mellores condicións laborais

24 nov 2019 . Actualizado a las 21:15 h.

Manuela Brao é enfermeira. Agora mesmo está traballando no centro de saúde de Guntín, pero non pode dicir ata cando nin onde estará o seu próximo destino. Leva doce anos exercendo e dende entón, firmou 358 contratos de traballo, 200 deles de un só día. Ela vai ser a muller ao fronte dunha nova asociación de enfermería a nivel provincial e que, dentro do movemento de Enfermeiras Eventuais en Loita, será unha forza máis para reclamar o fin da contratación precaria de enfermeiras e doutros profesionais sanitarios que se atopan na mesma situación.

—A túa situación será parecida á de moitas compañeiras e compañeiros.

—Non teño posto fixo. Acabei a carreira no 2007 e opositei tres veces. Dúas delas aprobeinas, a última non porque acababa de ser nai e non puiden estudar.

—Cando verá a luz esta nova asociación?

—Estamos tramitando os papeis. Facémolo con compañeiros e compañeiras de Monforte —unha delas será a vicepresidenta— e en A Mariña xa teñen a súa propia asociación. Como persoas independentes sabemos que non nos teñen en conta, precisamos ser un grupo representativo. Tamén nos axudou o Colexio de Enfermaría, unha das entidades que nos impulsou ata dar este paso. Somos un grupo que forma parte de Eventuais en Loita e que fará presión para que cambien moitas cousas.

—Que reclamades?

—Eliminar a taxa de reposición. Queremos que saian a oposición as prazas libres que quedan de xente que se xubilou. Tamén pedimos o fin dos contratos fraudulentos. Ás veces son de luns a venres, dannos de baixa os fines de semana e de alta os luns para non pagar á Seguridade Social.

—Nacedes como unha entidade independente.

—Así é, e queremos deixar claro que non estamos vinculadas a ningún partido político nin a ningún sindicato.

—Haberá actos?

—Así é. Como facemos dende Enfermeiras Eventuais en Loita. Seguimos cos actos de doce meses e doce causas o día 12 de cada mes. Dende a asociación seguiremos traballando nesa liña e tamén haberá mobilizacións. Intentaremos loitar e reclamar visibilidade.

—A conciliación é difícil con contratos dun día.

—Eu son nai. Funo dúas veces e non cobrei unha soa baixa maternal polo Sergas. É moi complicado vivir sempre pegada do teléfono, que te ameacen e penalicen se non o colles. Así é moi difícil exercer.

—Tedes dereito a vacacións?

—Podemos traballar os 365 días do ano. Podemos pedir un mes para descansar, pero nin o cobramos nin o cotizamos e ten que ser fora do período estival, polo que imposible que cadre cas vacacións dos nosos fillos porque exclúese o verán, Nadal e ata Semana Santa.

—Que resaltarías deste novo movemento que comeza ca vosa asociación?

—Gustaríame deixar claro que se pode unir quen queira. Nesta situación están moitos máis profesionais como os celadores ou os auxiliares, por exemplo. Estaremos encantadas de recibir a todo o mundo. Se algo temos en común é esta situación de precariedade.

—A situación ten que influír nos pacientes dalgún xeito.

—Así é. A nosa loita non é só por nós. Tamén é polos nosos pacientes porque neles repercute esta forma de contratación. Estando un día en cada sitio é imposible facer un seguimento. Ademais, a incertidume xera moita ansiedade porque no é o mesmo atender a un paciente de cardioloxía que a un de psiquiatría. Non podemos ser os mellores nesto que tanto nos gusta e que facemos por vocación se estamos cada día nun sitio.

—O tema das prazas é un foco de polémica.

—Nós non estamos pedindo que nos regalen unha praza e entendemos que hai que gañala con moito esforzo e estudando, pero o que non pode ser é que vaiamos 8.000 persoas a unha oposición que só oferta 300 prazas. É totalmente inaceptable que isto siga pasando.