Morre aos 58 anos a mestra e exdeputada Isabel Sánchez Montenegro

MONFORTE DE LEMOS

Isabel Sánchez Montenegro, nunha fotografía do ano 2007, na súa etapa como concelleira en Monforte
Isabel Sánchez Montenegro, nunha fotografía do ano 2007, na súa etapa como concelleira en Monforte ALBERTO LÓPEZ

Natural de Monterroso, deu clase en diferentes colexios da provincia e foi concelleira en Monforte

04 jun 2020 . Actualizado a las 21:20 h.

A mestra Isabel Sánchez Montenegro faleceu hoxe aos 58 anos de idade. Traballou en colexios de diferentes puntos de Galicia, pero fóra do mundo educativo era coñecida sobre todo polas súas etapas como concelleira en Monforte e deputada no Parlamento de Galicia polo BNG. Levaba uns meses de baixa do seu posto de mestra de educación infantil en Chantada por unha grave enfermidade que finalmente non deu superado.

Isabel Sánchez Montenegro naceu en 1961 en Monterroso, a localidade da súa familia. O seu traballo de mestra levouna a vivir puntualmente en diferentes lugares de Galicia. Deixou un recordo especialmente intenso no colexio da Gándara, en Monforte, ou no de Quiroga. Hai anos pediu praza no colexio Eloísa Rivadulla, de Chantada, que era onde traballaba ata que hai aproximadamente un ano tivo que coller unha baixa ante unha recaída na enfermidade que sufría. Tiña casa en Monforte, pero Chantada estaba máis cerca da casa dos seus pais en Monterroso. Así podía axudar a coidar a seu pai, falecido hai aproximadamente dous anos.

Isabel Sánchez Montenegro estudou na Escola de Maxisterio de Lugo, na que conseguiu o título de mestra de educación primaria na especialidade de ciencias sociais e educación infantil. Empezou a exercer profesionalmente en 1984 e a partir de aí chegou a dar clase en colexios da Mariña e en Monterroso e Antas de Ulla ademais de Quiroga, Monforte e Chantada.

No ano 2007 foi elixida concelleira en Monforte, dentro da lista electoral que encabezaba Severino Rodríguez. Aquela candidatura do BNG logrou maioría absoluta e ela asumiu a dirección das delegacións municipais de Medio Ambiente, Educación e Xuventude. Daquela levaba ao redor de dez anos viviendo en Monforte. Deixou o Concello no 2009, cando foi elixida deputada no Parlamento de Galicia.

O funeral por Isabel Sánchez Montenegro celebrarase este venres en Monterroso.