Verdades a medias

Rosana Prieto BNG PANTÓN

PANTÓN

17 sep 2018 . Actualizado a las 22:08 h.

Esta semana houbo pleno ordinario en Pantón, o que ao cabo resultou máis ordinario ca pleno, pero a maioría absoluta bloquea no político todo diálogo construtivo e pon ao servizo dos intereses electorais do Partido Popular o cemento, os bancos, as lámpadas e todas aquelas obras que, necesarias ou non, só lles interesan por dous motivos, facturarlle aos amigos e vender fume a unha poboación desprezada e timada durante tres anos e medio.

Como oposición responsable temos que lle previr á poboación da repetición de erros e enganos, tales como o anuncio dunha residencia xeriátrica que en xullo ía facerse no monte Baliño onde o Concello ten 6.000 metros cadrados de terreo. Agora por razóns que se descoñecen o Concello vai proceder á compra dun solar en Ferreira por 90.000 euros, ao que hai que lle engadir os gastos en taxas e impostos nun terreo sen áreas verdes e reducida capacidade, o que obrigaría a unha residencia con moi poucas prazas e cunha estrutura en altura que fai máis difícil o acceso a persoas con problemas de mobilidade, dificultando a vida dos seus residentes e do persoal que traballe alí. A cousa non hai por onde collela.

Polo tanto, residencia si, pero con sentidiño que os cartos son de todas. Mais ollo veciñanza, non ha haber residencia. E se non ao tempo. Porque quen hoxe pretende o voto con anuncios deste tipo, xa o fixo no pasado e os feitos son amores, e o demais contos. Polo camiño quedan as traídas e saneamentos de moitas parroquias, as rozas e obras de mantemento básico e o aillamento de zonas, ou a negación de proxectos de recuperación como as fontes en Tuiriz polo mero feito de irlle á contra. Iso si, se lle preguntamos di que si.