As paisaxes de Pantón protagonizan un certame fotográfico

La Voz

PANTÓN

CARLOS RUEDA

As imaxes poderán presentarse ata o 30 de decembro

07 dic 2018 . Actualizado a las 18:57 h.

A asociación cultural Segredos de Pantón mantén aberto ata o 30 de decembro o prazo de entrega de traballos do seu primeiro concurso fotográfico, dedicado ás paisaxes de outono e inverno deste municipio. Os participantes poden enviar as súas imaxes ao correo segredosdepanton@gmail, ao teléfono 662 669 223 -por WhatsApp- ou aos perfís da asociación en Facebook e Twitter. As fotografías deben levar título e ir acompañadas do nome do lugar e da parroquia onde foron tomadas.

Todas as imaxes que se presenten ao certame serán reunidas nun álbum que se publicará en Facebook, onde os visitantes poderán votar polas súas favoritas entre o 31 de decembro e o 6 de xaneiro. Nesta última data -ás 17.00 horas- daranse a coñecer as fotos que reciban os tres premios establecidos nas bases do concurso. O primeiro premio consiste nunha estadía para dúas persoas na casa de turismo rural Rectoral de Castillón; o segundo, nunha cesta de produtos de Pantón e o terceiro, circuíto termal no balneario OCA Augas Santas.