«Pan das pedras», unha homenaxe musical ao centeo gravada en Bóveda e Quiroga

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA / LA VOZ

QUIROGA

O proxecto Peitoescuro, do músico Rubén Gutiérrez, avanza coa publicación dun novo vídeoclip 

04 dic 2025 . Actualizado a las 19:34 h.

O local multiusos da parroquia de Salcedo, na Pobra do Brollón, foi escenario da presentación do videoclip da canción Pan das pedras, o terceiro do proxecto Peitoescuro, do músico, cantante e compositor Rubén Gutiérrez, veciño do municipio de Quiroga. O vídeo difúndese a través do portal YouTube. Anteriormente apareceron os das pezas Alvorada e Metamorfose. Os tres temas formarán parte do álbum Semente na fenda, que Gutiérrez ten previsto editar o ano próximo.

O novo vídeo musical, ao igual que os dous anteriores, foi dirixido polo realizador audiovisual Álex Baena. Segundo explica Rubén Gutiérrez, os autores intentan dotar a todas estas obras dunha «notable calidade cinematográfica». A peza foi rodada no centro cultural A Casa da Memoria —xestionado en Bóveda pola asociación cultural A Memoria é Náufraga— e na localidade de Margaride, en Quiroga. Os anteriores vídeos do proxecto foron filmados tamén en escenarios locais.

O vídeo de Pan das pedras, que recrea un mundo de aire medieval, está interpretado polo propio Rubén Gutiérrez e por varios veciños dos municipios do sur lucense. Un deles é Marcelino Pedredo, participante habitual nas xornadas de teatro popular de Salcedo, quen representa o papel de «déspota».

O tema Pan das pedras, explica así mesmo Gutiérrez, preséntase como «unha sentida homenaxe ao pan de centeo, erixíndoo como símbolo da resistencia labrega». A canción, engade, «evoca a forza dunhas sementes capaces de facer pan entre as pedras, un alimento que espantou a fame de moitas mesas», e tamén pretende «afondar no concepto de comunidade».

Os tres temas do proxecto Peitoescuro difundidos ata agora mediante vídeoclips, como todos os do futuro álbum, foron producidos por Iago Pico, colaborador do grupo Tanxugueiras.