A corporación de Sober, nun pleno celebrado o pasado xoves, acordou por unanimidade declarar o municipio como «localidade solidaria co alzhéimer», cumprindo unha solicitude presentada pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Fagal), con motivo do Ano Galego do Alzheimer e do día mundial dedicado a esta doenza, conmemorado o pasado 21. A declaración, segundo explicou o goberno local, responde «á necesidade de recoñecer por parte de todos os sectores da sociedade, neste caso a que corresponde á política local, unha realidade tan dura como é a do alzheimer».
O Concello de Sober púxose en contacto coa asociación monfortina Afamon, que agrupa aos familiares de enfermos de alzhéimer da comarca, para comunicarlle esta declaración.
Política de Estado
Sober convértese así no primeiro municipio da zona que apoia esta iniciativa, impulsada pola Alianza por el Alzheimer, que pide a posta en marcha dunha política de Estado para a prevención e o tratamento desta enfermidade e para reforzar a protección xurídica dos afectados por estas doenzas e das súas familias.
O goberno municipal soberino espera que a iniciativa aprobada polo pleno da corporación poida «servir de exemplo a outros concellos e apoiar a sensibilización e concienciación da sociedade, institucións e cargos públicos sobre este problema sociosanitario de primeira magnitude».
Por outro lado, o pleno aprobou as modificacións das ordenanzas fiscais dos servizos de subministro de auga, saneamentos e axuda a domicilio, e a creación dunha nova taxa municipal sobre a ocupación de espazos públicos con mesas, cadeiras e elementos similares.
Festivos locais
Así mesmo, o pleno declarou como festivos locais para o ano próximo o 9 de setembro -día da romaría da Virxe dos Remedios de Cadeiras- e o 16 de setembro, xornada principal das festas da capital do municipio.