Os compadres «estrearon» a tirolina do canón do Sil

As figuras de carnaval parodiaron os asuntos de actualidade e a vida cotiá na comarca de Lemos


O Xoves de Compadres volveu encher de bonecos e sátira as rúas de Monforte, Sober e outras localidades da comarca de Lemos. Como sempre sucede, a noite foi especialmente intensa en Sober, onde numerosos puntos do municipio amenceron con conxuntos de bonecos que retrataron en clave de humor situacións cotiás cos homes como protagonistas. No conxunto instalado na praza do Concello, o alcalde Luis Fernández Guitián apareceu saltando nunha tirolina, en referencia ao proxecto de pór en marcha unha instalación deste tipo no canón do Sil, pero non en Sober, senón entre Monforte e Castro Caldelas.

Xunto co alcalde, os compadres da praza do Concello de Sober representaron a numerosos homes coñecidos neste municipio embarcados nunha ginkana organizada baixo o lema «Descobre o teu paraíso». Ademais da tirolina, os personaxes participaron nunha «escape room» na que o premio eran as chaves do almacén do viño, nun descenso de ríos en kayak para conseguir a mellor «merluza» e nunha paellada popular con debate incluído sobre se é mellor o arroz ou un bon chuletón. E todo coa súa tradución ao inglés, para que os turistas non se perdan. Outro lugar de Sober onde fixeron acto de presenza os compadres foi a aldea de Souto Novo ?na parroquia de Santo Estevo de Anllo?, onde representaron unha escena tradicional de tarefas propias das adegas.

Liorta en Carude

En Monforte, este ano faltaron á cita os compadres da parroquia de Distriz, onde normalmente se montan unhas complexas escenas etnográficas con moitas figuras. En cambio, volveron ao barrio de Carude, onde estaban ausentes desde hai anos. Neste lugar, os bonecos recrearon con humor negro un suceso rexistrado recentemente nun centro de día de Lugo. Xunto a unha pancarta coa frase «Os xenéricos fan estragos nos vellos», dous compadres sentados nunha mesa xogaban unha partida de dominó na que un dos contrincantes atacaba a outro a golpes de bastón, ao parecer por facer trampas no xogo.

Xunto a eles, un compadre de pé esgrimía un coitelo ensangrentado co que supostamente acaba de agredir a outro que xacía caído no chan. Dous letreiros mostraban o diálogo entre ambos personaxes. «Roubáchesme as pastillas», dicía o primeiro. «Equivoqueime, fállame a memoria», respondía o segundo. A poucos pasos deles, outro compadre dedicábase a raiar un coche, en alusión a un caso recente protagonizado por un octoxenario en Vigo.

Protesta en Ribas Altas

Na parroquia monfortina de Ribas Altas, os compadres satirizaron o problema dos depósitos municipais de auga do monte Cornado, polos que a xerencia territorial do Catastro reclama sesenta euros á comunidade de montes da parroquia por considerar que son de titularidade veciñal. Os depósitos foron representados burlescamente por dous garrafóns de plástico. Ao redor deles, os compadres que representaban aos veciños cargaban uns maletíns que ?segundo explicaba un letreiro? estaban «cheos de información para firmar as regulacións dos depósitos do Cornado, que dende sempre teñen dono asignado».

Os compadres tampouco faltaron no barrio de Rioseco. Presentáronse cunha pancarta que reza «Podando, podando, e os orzamentos prorrogando». Xunto a ela, un numeroso grupo de podadores rodeaba unha mesa onde o alcalde José Tomé presidía unha mesa de «negociadores»con botellas de xenebra e licor café. O rexedor tamén apareceu en forma de compadre na praza de España xunto con outros membros da corporación municipal, intentando rodar unha nova versión do filme La sombra de la ley baixo a dirección de Dani de la Torre. O cineasta tamén apareceu en forma de compadre no Centro do Viño da Ribeira Sacra, precisamente tomando un viño.

Outros lugares da cidade onde fixeron aparición os compadres foron o edificio multiusos ?na forma de Nicolás Maduro e Íñigo Errejón?, a residencia de Prodeme ?como un grupo de pescadores praticando a pesca sen morte nunha fonte ornamental? e na capela de San Lázaro, onde representlu unnha escena de caza do xabril. Na rúa Cardeal, por outra parte, os compadres parodiaron os populares concursos televisivos de cociñeiros e no asilo Hogar San José asistiron a un curso de costura.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Os compadres «estrearon» a tirolina do canón do Sil