«Moita xente considera á muller de campo un mandilón sen ilusión, pero non é así»

Lucía Rey
LUCÍA REY LUGO / LA VOZ

TABOADA

Presentará o 8 de marzo en Taboada o poemario «Latexos dunha labrega»

05 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O amor á terra, aos animais, á paisaxe, á familia… aniñan en cada un dos versos que compoñen Latexos dunha labrega, o segundo poemario escrito pola gandeira Ana Vila Portomeñe (Taboada, 1969), que presentará o vindeiro 8 de marzo, Día da Muller, na Casa da Cultura de Taboada, ás 17.30 horas.

«Moita xente considera á muller labrega, tanto á do campo como á mariñeira, como un mandilón sen ilusión, pero non é así. Coñezo a mulleres que cando os fillos van grandes e están algo máis liberadas, pintan, van a baile… Fan cousas que lles gustaron sempre e que antes non podían facer», reflexiona Vila, que coñece de primeira man a dureza do día a día dunhas mulleres que entregan o mellor do seu tempo e das súas vidas a coidar da familia, da casa, do gando, da terra… «Este libro vai dedicado a elas, para que teñan ilusión por tirar para adiante a pesar de mil lágrimas que boten, para que se valoren a elas mesmas porque nalgúns casos quizais falte moita autoestima», destaca Vila, que ademais de coidar do seu fillo, que ten 12 anos, e da súa nai, xa anciá, dirixe canda o seu home unha pequena explotación leiteira, cunha vintena de vacas.

«Estudei Administrativo, pero non acabei, e traballei nun almacén de materiais de construción 18 anos. Pero cando meu sogro enfermou, meus pais xa estaban delicados, e como son filla única, o meu home e máis eu decidimos quedarnos na explotación», relata a gandeira.

A rutina da poetisa

¿Como é un día normal? «Hai que levantarse, ordeñar, preparar ao neno para o cole, facer as cousas da casa, sacar as vacas a pastoreo, coidar das fincas…», relata Ana, que encontra a inspiración na maxia das pequenas cousas. Moitas ocorridas no lugar de Vila, parroquia de Meixonfrío. «Hai sete casas e entre semana somos uns 16 habitantes», di. «Escribo sentires que se me van ocorrendo cando estou coas vacas. Ás veces buscamos un éxito ou unha fama e non valoramos o que é respirar, vivir, ver o sorriso dunha persoa que queres…», subliña a poetisa, que no 2015 publicou o seu primeiro libro, titulado Algo de mí con mucho de ti.

Sempre se sentiu atraída polos libros e a música, pero a morte de seu pai, que faleceu hai dous anos, e dun tío emigrado na Arxentina do que a familia volveu saber despois de décadas sen saber del e pouco antes de que morrese de cancro ?«nunca olvidarei a emoción de miña nai, que o criara, cando falaron por teléfono», lembra?, fixeron emerxer á súa vocación poética.

«Gústame que os recordos queden aí, que non se perdan. Sáenme rimas sinxelas, fáciles de ler, con palabras sinxelas, como falo eu», explica. «Escribo pola satisfacción de facer algo que me gusta, non para que mo valoren», apunta Vila, que editará o libro cos seus cartos.

Xa á venda

Latexos dunha labrega será presentado con motivo do Día da Muller, o 8 de marzo, na Casa da Cultura de Taboada. Ese mesmo día, a autora cumpre 48 anos. «A celebración será dobre», sorrí a autora, que o día 18 participará na segunda Feira do Libro-Disco de Monterroso.

Impreso por La Voz de la Verdad e encadernado por Inés de Castro, a publicación sairá á rúa cunha tiraxe inicial de 400 exemplares. «O anterior libro tivo unha acollida moi boa. En pouco tempo vendera case todo», comenta Ana Vila.

Ademais de en Taboada, desta volta o poemario estará á venda en varias librarías de Lugo (La Voz de la Verdad, Trama e Balmes), Chantada, Monterroso, Cangas do Morrazo e Santiago de Compostela. A escritora afeccionada colga moitas das súas creacións na súa páxina en Facebook: Poesía Ana Vila-Autor.