«O mundo da arte require moita formación»

LUGO

A galería Nova Rúa inaugura «Macía. Canto de luz e cor», con pinturas nas que se baseou o poema de Toño Núñez

17 mar 2017 . Actualizado a las 16:11 h.

O artista lucense Miguel Ángel Macía (Lugo, 1955) inaugura esta tarde ás 20.00 horas a exposición Macía. Canto de luz e cor, na galería de arte Nova Rúa. Estará aberta ata o 17 de abril en horario comercial. Macía, doutor en Belas Artes na Universidade de Vigo, leva feitas máis de medio cento de exposicións individuais e numerosas colectivas. A súa obra forma parte de diversas coleccións públicas e privadas.

-¿Que obras exporá nesta mostra?

-Convidáronme desde Nova Rúa, foi idea súa e, como digo eu, chegou un momento no que só vou a onde me convidan. Resulta que Toño Núñez, que é un poeta de Lugo, fixo un poema sobre min e a miña obra, e nel menciona algúns dos meus cadros. O poeta baséase no libro Cores para aloumiñar soños, de Camilo Gómez Torres. Por tanto, as pinturas seleccionadas seguen o fío condutor deste poema, así que tamén hai obras de varias épocas. A maioría delas son de pintura figurativa, óleos case todas, pero tamén hai algunha de madeira tallada e policromada, en relevo.

-¿Verase entón a evolución da súa pintura?

-Si. Empecei nos anos setenta e entronquei coa pintura galega de artistas como Maside e Colmeiro, con representacións de personaxes galegas, con formas redondeadas... Despois fun evolucionando cara a unha pintura máis expresionista. En total, nesta mostra expoñerei 24 obras.

-¿Como ve a situación da arte na provincia?

-Vexo que as novas tecnoloxías deron paso a artistas de todo tipo, con videoinstalacións, performances... Así que a pintura tradicional vaise abandonando pouco a pouco. Cada vez hai menos artistas novos que se dedican a isto porque a utilización das novas tecnoloxías é máis cómoda.

-¿É negativo todo este cambio?

-É un reflexo da evolución da sociedade. Pero ten unha parte negativa, e é que moitos mozos entroncaron coa estética de Duchamp e hai moito camelo en todo iso. Non hai que olvidar que o mundo da arte require moita formación. Calquera pode dar brochazos a un lenzo sen ter técnica. Pero, por exemplo, se un músico aporrea un piano vese que non sabe a técnica. Pois coa pintura ocorre o mesmo: a técnica ten que ser tan rigorosa como a musical.

-¿Cales son os seus próximos proxectos?

-O mes que vén inauguro outra exposición en Santiago. Neste caso, trátase sobre todo de obras en formato medio e pequeno con paisaxes e xentes galegas, labregos e mariñeiros.