A avoa que leva dous anos agardando que lle leven o xantar á casa

LUGO

PRADERO

Unha octoxenaria de Lamas de Prado non consegue que a inclúan no reparto de comida que fai o Concello de Lugo.

19 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai persoas agardando que se lles resolva a prestación do servizo de xantar no fogar dende hai máis de de dous anos», dixo onte a concelleira do BNG, Maite Ferreiro. É o caso de Fe, unha muller de 82 anos, con deterioro cognitivo por ter diagnosticado un principio de Alzhéimer, que vive sola na zona de Lamas de Prado. Conta o seu neto que ten os informes do xeriatra que a atende que xustifican o seu padecemento e a maiores ten grandes problemas de mobilidade xa que logo ten unha prótese no xeonllo e, ademais, leva seis meses agardando pola cita de traumatoloxía para poñer unha prótese de cadeira.

Con todo o seu historial, os familiares que se ocupan da atención, indican que non está en condicións de cociñar. Por iso pediron acollerse ao servizo de xantar no fogar do Concello de Lugo. Consiste en que diariamente unha empresa leva comida preparada ás persoas acollidas ao programa.

Segundo contou un neto de Fe, as asistentas sociais do centro de Lamas de Prado negáronlle a súa participación no servizo por crer que é apta para cociñar. Con anterioridade, e logo de comezar a tramitación no ano 2014, a octoxenaria logrou que lle mandaran unha persoa unha hora á semana para facer mínimas tarefas de limpeza.

O grupo municipal do BNG denunciou que o goberno municipal non estea a cubrir as baixas no servizos sociais pese a ter grande demanda. Cita como exemplo a falta dunha traballadora social no centro de Lamas de Prado.