10.000 alumnos participarán na Semana Escolar de Medio Ambiente

LUGO

As actividades terán lugar entre o 27 de novembro e o 1 de decembro

23 nov 2017 . Actualizado a las 10:04 h.

Uns 10.000 alumnos de centros escolares de toda a provincia participarán na IV Semana Escolar de Medio Ambiente da Deputación de Lugo. O programa foi presentado polo deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo; a coordinadora do proxecto e o escritor do libro, Llerena Perozo e Alberto Ramos. A iniciativa ten como obxectivo divulgar entre a mocidade a realidade e diversidade da natureza na provincia de Lugo; espertar a curiosidade máis aló dos fenómenos esquemáticos e técnicos da materia de ciencias sociais; así como amosar o impacto e relación que mantén o ser humano co medio mediante. Será do 27 de novembro ao 1 de decembro.

A semana lectiva comezará coa pegada de carteis do programa nos centros escolares por parte dos alumnos. A continuación, os participantes lerán e realizarán as actividades propostas no libro-manual, escollerán unha ou varias rutas e construirán murais con imaxes e debuxos de paisaxes lucenses habitadas. Por último, os rapaces preparán un pleno provincial co patrimonio natural e a incidencia do ser humano como tema central.

Para concluír as xornadas, o día 1 terá lugar a festa escolar da provincia, na que se inaugurará a exposición de murais colectivos, lerán os mellores traballos individuais realizados, degustarán sobremesas típicas da provincia e farán unha representación aberta para o centro dun pleno da corporación provincial relizado por alumnos seleccionados.

Libro-manual

Por outra banda, o goberno da Deputación editou o libro-manual Humanidade e patrimonio natural lucense, escrito por Alberto Ramos e ilustrado por Alba Millán. É un caderno de viaxe no que un grupo de científicos e científicas percorren a provincia para elaborar un mapa que reflicta a realidade do medio ambiente na mesma e a súa relación co ser humano, facendo especial fincapé nas augas, na biodiversidade, no valor patrimonial e na importancia cultural que supoñen.