O Menéndez Pelayo

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

16 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Oano 2000 estreouse a película Cadena de favores, sobre a historia dun neno creador dun sistema para mellorar o mundo facendo favores. Celebrando os 25 anos do Menéndez Pelayo, non nos fixamos no edificio e a súa poboación natural, senón na súa Cadea de fervores, porque un puro fervor habita este Colexio.

Fervor ou ferver, que se nota alí unha fervenza interior que move e conmove. Fervor na Dirección para gobernar a gran nave; no profesorado; en todos os que dedican a vida a facer que os rapaces entren no mundo «co pé dereito» por adquirir a única riqueza válida para a vida futura… fervor nos país e nas nais; nos avós e avoas que todos son precisos para que a cadea se reforce. Fervores nos nenos que cada día acoden «ao Menéndez» como á súa casa, felices, sabendo que son comprendidos, escoitados, para facelos entrar no país das marabillas que pode ser este mundo se sabemos abrirlles as portas.

Para que unha cadea de fervores funcione fai falla que os que alí aprenden a vivir manteñan vencellos, leven bos recordos, recoñezan que un bo colexio pode «darche a vida«; e este -sabémolo os que o coñecemos- é un gran colexio. E para que un colexio sexa grande fai falla que o fervor tamén invada aos poderes públicos, aos veciños, á gardería que prepara aos nenos, e ao Instituto que os acollerá; fai falla unha ostensible cadea de fervores, amores ou ferveres, para lograr a conxunción perfecta. O venres celebráronse 25 anos desa cadea de fervores, sabendo que nunha casa coma esta o fervor é esencial, e que a vai animar sempre. Felicidades a todos polo fervor!