«Deseño e diferenza» de Luís Seoane, na Deputación de Lugo

La Voz

LUGO

Amósanse pezas inéditas ou apenas expostas en público sobre diversos procesos de creación de obras de Sargadelos

20 abr 2018 . Actualizado a las 21:10 h.

No serán do xoves quedou inaugurada a mostra «Deseño e Diferenza», de Luís Seoane que estará exposta na sala de exposicións da Deputación ata o 30 de xuño. Esta colección contén unha selección de pezas de Seoane, que inclúe óleos, gravados, parte editorial e a cerámica do protagonista da linguaxe de Sargadelos. A mostra, exhíbese coincidindo co 50 Aniversario da Planta Circular de Sargadelos. No acto de apertura  estiveron a deputada de Cultura, Pilar García; o coordinador da exposición e secretario da Fundación Sargadelos, Jose Luís Vázquez Montero; a edila de Cultura de Lugo, Carmen Basadre; o ensaísta David Barro, así como o membro do Padroado Fundación Sargadelos, Alberto Leiro.

García Porto sinalou que «Seoane é o gran renovador do deseño galego no s. XX, con propostas gráficas de vangarda, xa sexa nos seus libros ou carteis, aportando novas solucións ao deseño cerámico nos anos sesenta, ou no especial cromatismo dos seus tapices, onde se mestura o mellor dos seus debuxos e as solucións técnicas que fixeron paradigmática a súa pintura».

A colección Deseño e diferenza parte do 50 aniversario da Planta Circular ,que foi inaugurada o 10 de maio de 1970, infraestrutura, catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), é obra do arquitecto galego Andrés Fernández-Albalat Lois. Poderanse ver 60 pezas de cerámica, 7 tapices, 7 óleos, 20 gravados e xilografías, así como diversa produción editorial e diversas publicacións orixinais deste intelectual. Varias das pezas que se amosarán son inéditas ou apenas expostas en público.

O seu traballo ao fronte do Laboratorio de Formas de Sargadelos, conxuntamente con Isaac Díaz Pardo, foi o que definiu as primeiras pezas figurativas do novo Sargadelos. Por unha banda realiza unha serie de xarras-homenaxe a personalidades do seu tempo, como Rosalía, Castelao ou Valle?Inclán que poden verse nesta mostra. Outras das pezas que podemos contemplar son dous ramos de once elementos (de case un metro de alto), un amarelo e verde, e outro azul e vermello, así como outros dous ramos mais pequenos, moi novidoso para época.

Tamén destacan o Floreiro con mar e gaivotas, Cincodedos, Paxarosol, Gato de pedra ou Vaca con paxaro. Os tapices que se exhiben foron producidos en colaboración con María Elena Montero, ademais dos cartóns orixinais que o artista realizou para a súa manufactura, cunha selección de deseños e bosquexos das pezas de cerámica, gravados e pinturas representativas que forman parte dos fondos do Museo Arte Contemporánea Carlos Maside, entre eles o Meco, un dos máis grandes que chegará a pintar.

Un intelectual comprometido

Luis Seoane López (Bos Aires, 1910- A Coruña 1979 está considerado como un dos intelectuais galegos máis destacados do século XX. Un home profundamente comprometido coa cultura e a sociedade galega, que contribuíu a engrandecer esta terra a través do seu labor como artista, escritor, xornalista, editor e promotor dun gran número de iniciativas culturais ao longo da súa vida.