Once días de teatro no Camiño en Palas de Rei

María M. Guntín / S. V. LUGO / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

A Mostra de Teatro Amador comeza o día 23 e remata o 2 de setembro

23 ago 2018 . Actualizado a las 18:17 h.

A nova edición da Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei comeza o 23 de agosto e remata o 2 de setembro. Está organizada pola Orde das Donas e Cabaleiros de Vilar de Donas e Os Lobos, en colaboración con Metátese Teatro, Alentía e o Concello palense.

Participarán nove grupos de Galicia e un de Pozuelo de Alarcón. Todas as funcións serán ás 21.00 horas na Casa da Cultura de Palas de Rei, agás as que se presentarán en Santo Xusto o sábado, 25 de agosto e o domingo 26, que serán ás seis e media da tarde. A do venres, 1 de setembro, de Soledad Felloza, será ás 20.00 horas e escenificarase na aldea de Albá. O espectáculo Son d’aldea realizarase en Albá, Santo Xusto, Vilafofe, Gontá e Gundía, o sábado día 1 de setembro, dende as dez da mañá ata as dúas do mediodía.

O día 1 de setembro entregarase o XIII Premio Careón ao escritor Carlos Callón, en recoñecemento pola súa labor como escritor e dinamizador da cultura galega. Tamén se outorgará o XVIII Premio Mácara ao Grupo de Teatro Chévere, pola súa traxectoria nos escenarios e o seu apoio á disciplina. O I Premio Garabato á conservación do patrimonio, en homenaxe a Gabriel Barreiro Toural está dotado con 1.000 euros e diríxese a unha persoa e entidade distinguidas polas súas labores de defensa do patrimonio cultural do rural.