«O BNG foi coherente e máis nun momento onde nada é o que parece»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZLUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Maite Ferreiro, candidata do BNG ao Congreso por Lugo, vive con ilusión a campaña electoral e sinala que percibe «cada vez máis apoios ao Bloque»

19 abr 2019 . Actualizado a las 17:13 h.

«Todo é posible», di co seu habitual optimismo Maite Ferreiro cando se lle fala de que as enquisas non lle conceden ao BNG un deputado por Lugo: «Vexo que hai un ‘batiburrillo’ ideolóxico enorme, onde xa nada é o que parece, e neste senso o BNG sempre foi claro e coherente na súa ideoloxía». Quizais nese punto está unha das fortalezas que hoxe ten o BNG con respecto ás eleccións do 2015, como explica a candidata: «Fomos capaces de manter o tipo e agora a xente está a recoñecer o noso traballo e a nosa coherencia».

A Ferreiro esta campaña estalle a supoñer unha especial ilusión: «É unha oportunidade única de achegarse ás persoas e ver como hai lucenses, sobre todo xente nova, que ten gañas de vivir no e do rural». Ela ben o sabe. Filla de pais labregos nunha aldea de Castroverde, que sacaron adiante sete fillos, Ferreiro, a diferenza dos seus irmáns, decidiu apostar por seguir vinculada á súa casa natal e a facer carreira profesional e persoal en Lugo, non fóra da provincia.

Esta campaña tamén lle chega nun momento lóxico coa súa traxectoria de compromiso co rural, co feminismo e con Galicia. Logo de estar activa no mundo sindical agrario dos 80 e 90, e especialmente no papel que xogaba a muller no rural; e de pasar unha temporada dedicada á maternidade (ten dous fillos xa maiores) e ao sempre duro mercado laboral, agora, a punto de entrar nos 55 anos, con serenidade afirma que «a xente da miña xeración temos a madurez que che aporta solucións para xestionar os momentos de dificultade e para buscar os recursos máis axeitados para resolver os problemas». Pero Ferreiro tamén se lembra das persoas que da súa xeración «logo de ter que afrontar a vida desde moi novos acabaron quedando nun limbo e sen oportunidades laborais». E particularmente fala das mulleres da súa idade «que primeiro criaron aos fillos e logo aos seus pais, e ao final nin traballaron, nin cotizaron nin terán dereito a pensión».

Ferreiro está a centrar o discurso do BNG na provincia sobre tres eixos: petición de xulgado do social e específico de violencia de xénero, un tren digno e que vertebre Galicia e unha tarifa eléctrica galega. «As tres medidas, ademais, no fondo suporían a creación de empresas e de emprego que axudarían a que o rural non siga perdendo poboación». Ferreiro neste punto sinala outro dos atrancos que ten a súa xeración: «Nosos avós e pais foron emigrantes e agora os fillos da miña xeración volven a selo, coas consecuencias que iso supón».

Unha das propostas máis novidosas que puxo o BNG nesta campaña enriba da mesa foi a construción dunha liña férrea entre Curtis e Ordes que permitiría unir Lugo con Santiago por tren. «O custe deses 26 quilómetros equivalen a catro de AVE, e facilitarían as viaxes da xente que traballa en Santiago, igual que a da Coruña, pero que quere vivir en Lugo». Pero no ámbito das infraestruturas, a candidata do Bloque di «que todo se queda en debate e non vemos intención de que cambie nada».

A edila do BNG no Concello explica que na campaña está a percibir o respecto dos lucenses ao Bloque, aínda que recoñece que vive unha situación contraditoria: «Valoran o noso traballo pero tamén moitos apelan ao que chaman voto útil. Os deputados e senadores que se elixen por Lugo apertan un botón para tomar decisións, e os do PP e PSOE van a votar o que lles digan. Nós imos a ser libres e a defender aos lucenses».

Nada en Tórdea, Castroverde, 1964

Administrativa. Nos anos 80 e 90 participa no sindicalismo agrario. Foi a primeira responsable da Secretaría da Muller do SLG.

Edila do BNG en Lugo desde o 2015.

«Pertenzo a unha xeración que apostou por quedarse a vivir e a traballar, con moitas dificultades, e a agora os fillos teñen que emigrar»