«O interior ten un gran problema, que é o demográfico, e algo hai que facer»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

OSCAR CELA

Inicia o mandato ilusionado e con ganas de converter a Deputación no concello dos concellos

19 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Tomé Roca (Guitiriz, 1958) non lle mete medo a idea de compaxinar a presidencia da Deputación de Lugo e a alcaldía de Monforte. Ao contrario. Declárase ilusionado e con folgos para tentar poñer o seu grao de area nunha institución á que quere levar tranquilidade e á que considera o concello dos concellos.

-Vistos os antecedentes, onte chegou tranquilo ao pleno?

-Absolutamente. Eu tiña claro que todos os meus compañeiros estaban detrás de min, a partir un piñón como se soe dicir. Todos me manifestaron que podía contar con eles, e cos compañeiros do BNG acabábamos de chegar a un acordo, así que non había nin a máis mínima dúbida.

-Cal será a primeira medida do presidente Tomé?

-Pois o pleno de organización que faremos case seguro o día 30 para formalizar o goberno e asignar as competencias. Queremos empezar dende o principio a traballar con normalidade e iso pasa por resolver o tema pendente do mandato anterior, Suplusa. Non pasarán moitas semanas antes de darlle unha solución definitiva. Quero normalizar e tranquilizar a situación da institución. Ten que ser noticia polas cousas que é capaz de facer para concellos e cidadáns.

-No discurso de investidura fixo fincapé nesa normalización.

-Unha institución ten que respectarse a si mesma, e a mellor maneira de facelo é non sendo noticia por cousas diferentes ás súas funcións. Ten que ser útil para axudar aos concellos con menos recursos e menos medios e mellorar a vida dos cidadáns.

-Por que insistiu tamén na idea da honestidade?

-É a miña maneira de ver a política: con rigor, con honestidade, con transparencia. Que ti lle deas aos cidadáns seguridade e tranquilidade. Se transmites bailoteos é cando se desprestixia a política, e eu non estou aquí para iso. Para iso quedábame no meu concello, no que teño maioría absoluta e estou tranquilo. Imos ter que relacionarnos con 67 concellos, cada un coas súas peculiaridades e con sensibilidades distintas. É imposible gustarlle a todos, porque iso non pasa nin nas familias, pero o importante é que a inmensa maioría dos cidadáns vexan que a Deputación lles é útil.

-A crise demográfica é o maior problema da provincia de Lugo?

-O interior ten un gran problema, que é o demográfico, e algo haberá que facer. Correspóndelle aos gobernos que teñen máis capacidade e competencias facelo, pero nós podemos poñernos á súa disposición. Os gobernos central e autonómico son os que teñen capacidade para cambiar isto prestando servizos, facendo cabeceiras de comarcas sobre as que pivote a creación de emprego. É imposible ter polígonos industriais en todos os concellos, pero o importante é que nesas cabeceiras haxa oportunidades laborais. Axudaría se a Xunta fai garderías, algún tipo de axuda económica… Tamén ofrecéndolle servizos ás parellas, ás familias monoparentais… por aí pode pasar parte da solución, pero ten que ser algo integral.

«A provincia de Lugo é a Cincenta das políticas da Xunta de Galicia»

Para Tomé Roca pechar a negociación co BNG un día antes do pleno de investidura foi o normal.

-Como foi esa negociación?

-Foi tranquila. Cada partido trata de xestionar o maior número de competencias, é o lóxico. O feito de que acabaramos o xoves é porque tampouco nos demos présa, en tres reunións resolvemos o tema. Foi realmente sinxelo. Sabíamos que había que chegar a un acordo porque foi o mandato dos cidadáns. Era a nosa obriga, pensando ademais en que a un ano vista haberá unhas eleccións autonómicas. Creo que se van dar as circunstancias para que o PSOE tamén lidere un goberno en Galicia, moi necesario para a comunidade, pero moito máis para a provincia de Lugo, que é a Cincenta das políticas da Xunta e a gran esquecida da Xunta de Galicia.

-Unha das cuestións que acordaron co BNG é a necesidade de adelgazar a Deputación. Séntese cómodo con esa idea?

-Si. A provincia de Lugo é a que ten a rede máis extensa do estado español, máis de 4.000 quilómetros, creo que hai máis da Xunta que da Deputación, e polo tanto deberían ser estradas da Xunta. Por outro lado, temos as competencias impropias das residencias de servizos sociais. A Xunta ten a competencia, pero no seu día a Deputación, acertadamente naquel momento, decidiuse a facelas porque non había servizos nos pobos máis pequenos. Pero chega un momento no que a Deputación non pode seguir así, porque senón deixaría sen competencias á propia Xunta. Teremos que falar con eles e ver que estas actividades que a Deputación leva a cabo e lle son impropias, as pode asumir a Xunta e polo tanto destinar ese presuposto a outras cuestións.

«Eu veño para traballar, deixar a un lado os rollos, ser útil e nada máis»

Sostén José Tomé que a súa aspiración é estar á altura da Deputación e, cando se vaia, poder dicir que mereceu a pena.

-Foi un proceso duro chegar ata aquí, comezando coa polémica da dimisión do exsecretario provincial Álvaro Santos?

-Non, eu creo que non. Eu nunca me postulei para ser presidente da Deputación. Quizais polo ambiente que se respirou durante os últimos catro anos na institución, había compañeiros que opinaban que había que dar un paso adiante e empezar unha nova etapa. Non porque os que estiveran foran responsables do que aconteceu, posiblemente non o foran, pero sucedeu o que sucedeu. Posiblemente, como din no teatro, para facer a obra un pouco mellor requiríase un cambio de actores, non porque os que veñen sexan mellores cós anteriores, senón porque lles tocou vivir esta etapa. Houbo moitas persoas que me animaron a dar o paso. E logo, cando vin que nas eleccións os cidadáns do meu concello me deron un respaldo importante, a maior vitoria en Monforte na etapa democrática, púxenme a disposición do partido. Agradézolle aos órganos do partido pensar en min para esta tarefa. Para min é ilusionante e espero levala a cabo da mellor maneira posible. Que cando acabe o mandato poida dicir: mereceu a pena. Eu veño para traballar, deixar a un lado os rollos, ser útil e nada máis.

-O Partido Popular reclamoulles que os seus debates de partido non salpiquen á institución, en referencia á pugna entre Arias e Otero pola secretaría provincial.

-O debate e as primarias que vai haber non afectan para nada á institución. Nós diferenciamos moi ben o que son actos de partido e o que son actos institucionais, e eu creo que teño dado mostras sobradas diso. A miña parte institucional prima sobre calquera debate do partido. Díxeno onte, ata agora era candidato do PSOE, hoxe son presidente da Deputación, que non é do PSOE nin do BNG nin do PP, é da provincia de Lugo. O PSOE non ten un problema con Patricia e José María, iso é unha sorte. O que sería negativo é que non houbera ningún que quixera dar o paso e ser secretario provincial. Uns apoiarán a un e outros a outro. Queremos primarias e é bo poder escoller. O PP ten que abrirse a primarias e escoller os seus dirixentes como fai o PSOE. Unha vez que se acostumen verán que non é un problema.

-Que supuxo para vostede estar arroupado pola plana maior do partido na toma de posesión?

-Foi unha honra que estivera dende o secretario xeral, o de organización, o delegado do goberno, a alcaldesa de Lugo... por nomear algúns. Non estivo Abel Caballero porque tiña executiva federal, pero houbera estado aquí se puidera, igual que Carmela Silva. Tivemos a un deputado provincial da Coruña, alcaldes... incluso moitos do PP quixeron estar. Creo que había unha especie de ilusión, no partido socialista seguro, e tamén fóra del. É unha honra e unha enorme.