Búscanse cociñeiros afeccionados para debutar en televisión

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO

Javier Etxezarreta

O xoves haberá probas en Lugo para elixir a cociñeiros non profesionais para un «reality» gastronómico

14 sep 2019 . Actualizado a las 20:46 h.

O vindeiro xoves celebrarase en Lugo un curioso casting para elixir a cociñeiros afeccionados que queiran participar nun programa de televisión sobre cociña. A produtora Voz Audiovisual anda á procura de amantes da cociña para o novo concurso-reality gastronómico da TVG que se chamará Come a comarca. Trátase de afeccionados, non profesionais, que sintan paixón por poñerse detrás dos fogóns e que teñan coñecementos á hora de elaborar pratos da cociña tradicional galega. Búscanse homes e mulleres de todas as idades e lugares de Galicia que saiban cociñar, que sexan divertidos, extravertidos, atrevidos e con gañas de pasalo ben. Os cinco elixidos entre todos os candidatos formarán o equipo oficial de cociñeiros do programa Come a comarca.

Todos aqueles que encaixen neste perfil poderán presentarse aos castings presenciais que se realizarán o vindieiro xoves, 19 de setembro, en Lugo, na tenda Trabe cociñas, que é o distribuidor de Senssia, no número 2 da rúa Manuel María, de Lugo. Quen non se poida presentar fisicamente ás probas ten outra opción, que é enviar un vídeo de presentación do seu prato favorito elaborado por el mesmo, ao WhatsApp do programa, no número 618388087. Deste xeito, calquera afeccionado galego á cociña terá a oportunidade, ben sexa en persoa ou non, de formar parte da nova aventura culinaria da TVG que pretende dar moito que falar.

A produtora ten fundadas esperanzas de que en Lugo haxa un importante número de candidatos tendo en contra a tradición gastronómica da provincia, famosa dende hai anos polo slogan «E para comer... Lugo».

Os programas de cociña para afeccionados están sendo dos máis vistos en todas as televisións e por isto a TVG tamén apostará por un programa deste tipo. Nalgúns casos, os participantes acaban por dedicarse profesionalmente á hostelería despois de pasar por algún destes tipos de programas que ademais os converten en famosos.