Santos Costa: «Naqueles anos fixemos cousas que lograron que os franquistas de Lugo tivesen problemas»

María Guntín
maría guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Carlos Castro

Santos é un home que xulga os feitos e non ás persoas. Estivo no cárcere e encabezou a loita antifranquista

15 oct 2019 . Actualizado a las 19:15 h.

Santos Costa é un home que xulga os feitos e non ás persoas. Tivo máis dun nome cando encabezaba a loita antifranquista na clandestinidade, cando xa militaba no Partido Comunista. Tamén admite que tivo máis dun pasaporte. Estivo no cárcere, pero cre que nin alí metido perdeu o tempo. Foi torturado e tamén perseguido. Santos naceu en Illa, parroquia de Entrimo, en Ourense. A súa historia, a do partido e a súa loita, retumba baixo unha das súas parras, na súa casa de Santiago de Prógalo, a uns dez kilómetros de Lugo. Ademais, prefire non falar de nomes nin de datas porque, pola súa seguridade, nunca quixo coñecer datos. «Así, se me drogaban, non se me ía a lingua», explica.

-Cal é a súa historia?

-A de alguén a quen non lle gustan as trampas nin os ladróns. Por iso, para moita xente son detestable. Eu nunca aceptei os desequilibrios sociais, viñeran de onde viñeran.

-Viviu en Francia moitos anos.

-Marchei para aló cando rematei o servizo militar porque tiña alí a meu pai e quería estar preto del. En Francia aprendín o que era un sindicato e tamén o que é o Partido Comunista, moi activo alí naquela época. Cando volvín, estaba moi preparado e sabía cousas das que en España aínda non se falaba pola represión.

-Como entrou no Partido Comunista?

-Un día apareceu un home alí, en Francia, e preguntou como estabamos. Dixo que era do Partido Comunista e que quería axudar. Por certos motivos afilieime e comecei a traballar na Confederación Xeral do Traballo (CGT). Traballei de intérprete para axudar aos que chegaban de España e non sabían falar francés. Tamén comecei a participar nas reunións. Alí organicei aos refuxiados que había. Fun o primeiro galego que entrou alí no Partido Comunista e que reuniu aos refuxiados ligados ao Partido Comunista.

Carlos Castro

-E en España, onde comezou a súa actividade?

-Eu fun a Ourense, a onde nacín. Alí comecei a traballar co partido, por chamarlle dalgún xeito, porque non había partido. Houbo que organizalo, e tamén Comisións Obreiras.

-Que recorda do comezo de Comisións en Ourense?

-Pois que eu e un compañeiro recollemos firmas no marco dunha campaña do partido e de Comisións, un día antes do un de maio, data na que eu tiña que ir a París. Entón, o día un, ao meu compañeiro botáronlle a man e acabou dando o meu nome. Entón, eu non era coñecido e non tomaron medidas. Foron rexistrar a miña casa e atoparon Mundo Obrero. Tiñamos os exemplares preparados para repartir e eu gardáraos enriba dun armario. Achacárono entón a que eu formaba parte do partido.

-Houbo represalias?

-Eu estaba en París cando me chamaron para contarmo e dixéronme que quedara alí. Como tiña toda a documentación que precisaba para estar en Francia, púxenme a traballar alí na clandestinidade.

-Cando regresou a España?

-Dixéronme que viñera en vacacións a Lugo, un dezaoito de xullo pola mañá. Tíñanme preparada unha casa. Non había xente organizando o que tiña que ver co partido. Entón comecei a traballar cun amigo que non era comunista, pero que tiña contactos. Ensinoume e presentoume aos simpatizantes. Os datos que tiña e amosaba non eran certos, pero coñecín moita xente por el.

-E dende entón, regresou a Francia?

-Antes de marchar a Francia fixen un último recorrido pola provincia. David, da Fonsagrada, tiña un bo equipo e fun por alí. Ao final, durmín en Santa Eulalia de Oscos, e cando me levantei e ía coller o bus para ir a Ribadeo, Foz e por alí, veu un garda civil e pediume que o acompañara.

-Que pasou despois?

-Estiven no cuartel. Un dos tipos dixo que eu era moi perigoso e entón comezaron a facerme preguntas. Eu díxenlles que estaba de vacacións, coñecendo a provincia. Despois demostraron que eran unhas bestas e falaron das correntes eléctricas.

-Que lle fixeron?

-Puxéronme cables cortados nos brazos, e despois nas nalgas. Sempre facendo as mesmas preguntas. Despois, colocáronmos nos testículos. Eu nese momento non houbera podido falar aínda que quixera. Todo isto aconteceu un dez de agosto. Despois encerráronme. Días despois veu un sarxento e case choraba, dicía que a Pirenaica ía contar o que me estaban facendo. Supoño que falaría coa súa muller e que esta lle explicaría que se pasaran moito sen ter probas contra min.

-Que lle preguntaban exactamente?

-Querían direccións de varios contactos. Ao final estiven pouco tempo detido e pasei a xuízo. Saín absolto porque dixen que non sabía ler e que os papeis que estaban na miña casa os puxera alí arriba sen saber tan sequera o que eran.

Carlos Castro

-Chegou a regresar a Francia entón?

-Cando saín do cárcere, dixéronme que quedara en Lugo. Cando cheguei, vinme negro porque tiñan medo a que os denunciase. Pero ao final entraron en razón e integreime de novo. Puxemos en marcha o partido como é debido.

-Tamén se encargou de Comisións, ademais do Partido Comunista.

-Creei Comisións Obreiras en Ourense e organicei o Partido Comunista. Entón fixen o mesmo en Lugo. Aquí había un grupo de xuventude pero non tiñan actividade porque fallaba a coordinación. Comezamos a traballar con xente do matadoiro de Frigsa e de industrias Abella. Foi Trigo o que quedou como responsable de Frigsa e tiñamos a factoría controlada de tal forma que non acontecía nada sen que nolo dixeran.

-Que calidades debe ter un comunista?

-Para ser comunista hai que ser moi íntegro. Eu creo que non fallei nunca porque os compromisos sempre foron comigo mesmo. E a min non me podía fallar. Naqueles anos fixemos cousas que conseguiron que os fachas de Lugo tivesen problemas.

-Cóntenos algún exemplo.

-O Concello tivo que quitar unha placa da súa fachada na Praza Maior que poñía ‘Ayuntamiento de Lugo vencedor do Comunismo’. Iso non era certo, polo que lle botamos pintura vermella e tivérona que sacar.

«Na miña vida nunca aceptei os desequilibrios sociais, viñeran de onde viñeran»

«Para ser comunista hai que ser moi íntegro, e eu non me fallei a min mesmo nunca»