Alta costura inspirada no traxe de garda das mulleres lucenses da aldea

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

«Tesouro aldeán» é o título da peza que gañou o premio Artesanía de Galicia. Trátase dunha capa contemporánea inspirada nunha lensa antiga de Portomarín, que formaba parte do traxe de garda aldeán
«Tesouro aldeán» é o título da peza que gañou o premio Artesanía de Galicia. Trátase dunha capa contemporánea inspirada nunha lensa antiga de Portomarín, que formaba parte do traxe de garda aldeán

Unha capa contemporánea deseñada polo obradoiro Traxandaina a partir dunha lensa antiga de Portomarín recibiu o Premio Artesanía de Galicia

03 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A peza máis valorada dos traxes de garda das mulleres das aldeas lucenses de principios do século XX, a lensa, serviu de inspiración aos artesáns do obradoiro lucense Traxandaina para elaborar unha capa contemporánea coa que acaban de gañar o Premio Artesanía de Galicia 2020, que outorga a Xunta. Todo un recoñecemento ao traballo de Tere Astorgano e Antón Sanjurjo, impulsores do taller, e tamén ao patrimonio téxtil da provincia de Lugo. «Recibir este premio é, a nivel emocional, un subidón, non se me ocorre ningún premio mellor que poidamos recibir, nin sequera o nacional, porque o Premio Artesanía de Galicia representa a esencia daquelo no que realmente cremos, é un grande orgullo», declara Tere Astorgano.

Antón Sanjurjo e Tere Astorgano, de Traxandaina, recibiron o premio
Antón Sanjurjo e Tere Astorgano, de Traxandaina, recibiron o premio

O premio chega, ademais, nun contexto económico moi duro, debido á crise do covid-19, polo que os 9.000 euros que leva consigo o galardón supoñen unha grande axuda. «E máis que o diñeiro, o máis importante quizais sexa o que supón a nivel de difusión do noso traballo. Solo o feito de ser finalistas nos premios xa foi impresionante, pois recibimos xa entón cinco encargas de capas como a que presentamos», continúa. Un pulo máis para continuar co seu labor de investigación, restauración, recuperación, divulgación e confección do traxe tradicional galego, o aldeán de finais do século XIX e principios do XX.

A peza que lles valeu o galardón leva por título «Tesouro aldeán», precisamente porque a capa está inspirada nunha lensa, unha das pezas máis valoradas e máis custosas do traxe de garda -o que se poñía os domingos, días de feira ou vodas- das mulleres aldeás. Trátase dunha capa contemporánea que «transcende o tradicional», elaborada co mellor pano, de 100% la, adquirido no Val de San Lorenzo. A peza principal está feita en negro, con remontas en azul e pardo, e moitas horas de traballo.

Foi un amigo dos artesáns quen lles propuxo presentarse ao certame e, dado que «foi un ano catastrófico, sen actividade, dixemos, ‘agora é o tempo de facelo'», continúa Tere. Pensaron nunha capa, por ser algo actual, e nunha lensa como inspiración, a alma máter do obradoiro. Concretamente, tomaron como referencia unha lensa antiga atopada en Portomarín: «Para nós é unha peza moi especial porque sempre chama a atención nas exposicións: é moi harmoniosa, está moi ben decorada... co zócalo en azul, o que facía máis cara, e pano pardo», explica Tere. A súa confección dá unha idea do poder adquisitivo da muller que a portaba, e servía de distinción social e de diferenza entre mulleres: «Canto máis detalle tiña unha lensa, máis horas de traballo requiría da costureira, polo que sairía máis cara». De feito, non todas as mulleres se podían permitir ter unha. A lensa, contemporánea de máquina de coser, era unha peza, similar á mantela, que servía para cubrir a saia.

Desde a Consellería de Economía, que outorga o premio, destacan que a obra representa «as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da artesanía galega, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra». Coa capa, explican, móstranse «as posibilidades cualitativas e estéticas de determinadas técnicas tradicionais de costura e decoración aplicadas á vestimenta moderna».