A Muralla de Lugo cumpre cen anos como monumento nacional

adolfo de abel vilela

LUGO

Xunto á Mosquera había un mercado de cacharros de barro
Xunto á Mosquera había un mercado de cacharros de barro ARCHIVO PEPE ALVAEZ

En 1881 propúxose derrubar tres cubos e en 1932 e 1933 houbo máis peticións

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se tivésemos que facer unha definición da relación que os lucenses mantiveron coa muralla ao longo da súa dilatada historia, teríamos que dicir que foi de amor ?odio, dando lugar a dous bandos, os murallistas e os antimurallistas, os que apreciaban e valoraban o pasado e os que non lle daban valor, sen que estas consideracións teñan que ver coa formación da persoa.

Sempre houbo quen estimou a súa importancia desde o punto de vista histórico e arqueolóxico, pois eran evidentes outros aspectos utilitarios do edificio que consideraba a maioría, como o defensivo, cortaventos, control sanitario e de policía, lugar de paseo, etcétera, non faltando aqueles que a consideraba un estorbo para o desenvolvemento urbanístico e unha carga para o municipio polos gastos de conservación. 

Dura de roer

Foi a partir do último cuarto do século XIX cando as murallas deixaron de ter importancia desde o punto de vista defensivo. Unha das razón polas que a muralla non desapareceu foi porque era dura de roer, feita con formigón, xa que os romanos non construían só para o seu tempo, senón que o fixeron para a historia.

O 12 de decembro de 1881, o contratista Manuel Arrieta propuxo ao Concello a derruba dos tres cubos existentes entre a Porta de Santiago e a Porta Miñá para ampliar o Paseo dos Cóengos, quedándose coa pedra sobrante, pero coa condición de que os cascallos fosen trasladados polo Concello.

A Comisión de Obras Públicas calculou o que podería custar o derrubamento, unhas 12.072 pesetas, e considerando que non se lesionaban os intereses do municipio, aceptou. Pero a operación non foi rendible para o contratista que deixaba un cubo sen derrubar, sendo obrigado a facelo, pois se se negaba o Concello poría operarios por conta de Arrieta para facer o traballo.

Famoso gravado realizado por Antonio Neira Mosquera en 1850 para o «Semanario Pistoresco Español».
Famoso gravado realizado por Antonio Neira Mosquera en 1850 para o «Semanario Pistoresco Español».

A derruba da muralla resultaba antieconómica como demostrou o veterinario Juan Rof Codina no artigo «Una cuenta alrededor de la muralla», publicado en La Idea Moderna o 8 de abril de 1905, cuxos argumentos intentaban facer desistir aos antimurallistas da súa atrevida e pouca realista empresa que seguira tendo promotores.

Non era a primeira vez que se intentou a declaración para protexer a muralla daqueles que aspiraban á súa demolición total ou parcial. Os murallistas vendo que viñan malos tempos para a conservación do monumento xa trataron de protexelo a finais de 1895. Segundo unha noticia que publicaba La Voz de Galicia, recollida polo diario local El Regional, «la Comisión de Monumentos de Lugo, ha pedido al Gobierno que declare a nuestra muralla monumento nacional. Por nosotros, que lo declaren. Lo curioso sería saber en que fundan los señores de la Comisión semejante solicitud». Se opinaba así o diario que dirixía o escritor, poeta e historiador Manuel Amor Meilán, ¿que pensarían os demais?

O detonante para conseguir a declaración da muralla como Monumento Nacional por Real Orde do 16 de abril de 1921, foi a derruba para facer a Porta do Bispo Odoario o que foi denunciado o día 7 de maio ao presidente do Consello de Ministros por cinco supostos veciños de Lugo. O 23 de xuño de 1920, foi remitida a denuncia ao ministro de Instrucción Pública y Bellas Artes, quen pasou a instancia a informe da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, a cal pediu que os nomes dos denunciantes fosen consignados para que a súa patriótica iniciativa servise de exemplo e estímulo. 

Os nomes inventados

Os verdadeiros denunciantes ocultáronse baixo os nomes inventados de Luís Gil Álvarez, Baltasar Moreno, Joaquín García, Gervasio Mourenza Díaz e Ramón López González, «pues son en absoluto desconocidos y no existieron en esta localidad, ni como vecinos ni residentes, esas personas tituladas tan amantes de ese monumento y a quienes reputándoles seres existentes y reales por esa disposición ministerial se les da, por su iniciativa, las gracias». 

Insistindo na derruba

A polémica sobre a conservación ou derrubamento no quedou definitivamente resolta coa declaración pois aínda en 1923 había voces clamando polo derrubamento e outras opóndose a iso. Tal é o espírito dun artigo titulado «Nuestras murallas y ABC», publicado en La Voz de la Verdad. O artigo «Consideraciones en torno de un problema urbano», escribiuno o crítico de arte monfortino Antonio Méndez Casal, no que trataba de demostrar o que xa resultaba tópico, que a muralla impedía o ensanche da cidade.

Contra esta afirmación reaccionaba o diario católico dicindo que o que viñese a Lugo unha soa vez, observaría que no interior sobraban centos de metros cadrados de superficie, destinados a cultivo, que en caso de necesidade podíanse utilizar en ampliar o macizo urbano na medida que o aumento progresivo da poboación o esixise. Aínda así o 1 de marzo de 1932, o concelleiro socialista Ramón López Lema pedía que se anulase a declaración, e o concelleiro Manuel Trigo Anseán volvía insistir o 25 de agosto de 1933 para poder derrubala.