Que se pode facer este luns 19 en Lugo?

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Instalacións de O Vello Cárcere
Instalacións de O Vello Cárcere OSCAR CELA

Teatro e actividades variadas forman a proposta cultural de hoxe

18 abr 2021 . Actualizado a las 18:13 h.

Lugo comeza a semana con actividades variadas. Os amantes do teatro poderán gozar dunha nova representación enmarcada na edición número 27 do Festival de teatro universitario da cidade. Esta tarde, a partir das 20:30 horas, terá lugar no auditorio Gustavo Freire a representación da obra «Sweet Jane», a cargo de Teatro El Mayal, da Universidad de León. A peza está dirixida por Javier R. de la Vega e as entradas serán de balde, reservándoas previamente a través do enderezo: cultura.lugo@usc.es.

Pero para o día de hoxe os lucenses e visitantes tamén disporán doutras propostas culturais. No Vello Cárcere, ademais de gozar das exposicións, para as 11:30 horas está prevista a actividade «Mulleres creadoras», un ciclo de monografías formativas nas que se pode aprender sobre mulleres silenciadas ao longo da historia, dende artistas a escritoras ou filósofas. Esta proposta é para maiores de 65 anos e a entrada é de balde, previa inscrición no 982 297 195.

Os nenos e nenas entre 10 e 12 anos poderán participar nos «Minirrelatos do Cárcere», un obradoiro de animación á escritura e á narración oral infantil. A súa entrada tamén é de balde, previa reserva, e dará comezo ás 17:30 horas.

Para esa hora tamén está previsto que comece noutra das dependencias do Vello Cárcere a actividade «Pequeviñetistas», un obradoiro de iniciación á banda deseñada no que nenos de entre 6 e 9 anos poden aprender a cerar viñetas a partir de distintos temas sociais e culturais. Tamén é unha proposta gratuíta que necesita inscrición previa.