Un novo mural leva a arte ao barrio de Fingoi

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Davixino, de Burela, confeccionou o mural «A Polveira», na Ronda de Fingoi.
Davixino, de Burela, confeccionou o mural «A Polveira», na Ronda de Fingoi. CEDIDA

Continúa o festival Culturbán, coa intervención do artista Davixino

19 abr 2021 . Actualizado a las 11:51 h.

Un novo mural de gran formato leva a arte polos barrios lucenses. A última intervención artística do festival de arte Culturbán chegou a Fingoi, da man do artista Davixino (David Fernández Rodil), natural de Burela, que confeccionou o mural «A Polveira» na Ronda de Fingoi, á altura das vivendas do grupo La Paz. O conxunto de artistas está a ser coordinado por Iago Eireos, á fronte de Espazo Lupa.

O Culturbán é unha mostra de arte urbana que propón explorar a contorna a partir de intervencións artísticas que transformen a cidade. «O obxectivo é conseguir un Lugo vangardista, participativo e amable, ao mesmo tempo que damos a oportunidade aos artistas locais para que colaboren na decoración da cidade», explicou Maite Ferreiro, concelleira de Cultura.

«Trátase dunha fórmula de interacción global coa cidade e cos seus barrios, tanto a nivel urbanístico como social», declarou Ferreiro, quen engadiu que se trata dunha «experiencia única, xa que durante todo o proceso creativo se usarán as rúas de Lugo, tanto como taller de traballo, como lenzo e como galería».