Ventos que pasan e fican

María L. Sández

LUGO

27 jul 2021 . Actualizado a las 20:33 h.

O pasado día 24, no marco dos actos que ao longo deste mes de Xullo se están a realizar dende a Casa Museo Rosalía de Castro, puiden asistir a un concerto do grupo portugués Canto d’aqui. Ademais de homenaxear a Rosalía, a intención da actuación (que o propio grupo fixo explícita) era o afondamento na converxencia Galicia-Portugal.

Foi emocionante escoitar irmáns portugueses cantando os versos de Rosalía; mais debo confesar que a peza que máis me emocionou foi “Meu amor é mariñeiro”, coa que renderon homenaxe a Fuxan os ventos. E iso, inevitablemente, lembroume algo acontecido hai pouco máis dun mes que me deixou fondamente amolada como lucense e como admiradora da traxectoria dos mesmos. A cuestión é que, como parte da coordinación dun club de lectura do Instituto Cervantes arredor de La madre naturaleza, de Emilia Pardo Bazán, solicitóuseme unha listaxe de pezas musicais que acompañasen a lectura do libro. E, ao carón de Guadi Galego, Rosa Cedrón, algunhas corais tradicionais ou a versión da “Negra sombra” en voz de Luz Casal, quixen que estivese presente Fuxan os ventos, que naceu como grupo alá cando eu nacín e do que tanto gustaban, sendo eu nena, o meu avó e a miña nai. Pois foi imposible. Que se esa non está en spotify; que se sería mellor propor outra; que se esoutra tampouco… ata que finalmente tiven que renderme e renunciar.

Descoñezo as razóns de fondo que fixeron imposible que o máis emblemático e carismático dos nosos grupos, nun tempo fulcral da nosa historia como o do estertor da ditadura, estivese presente nesa listaxe. Finalmente, as súas melodías non puideron formar parte dun club de lectura de difusión mundial. Mais xa antes diso, sempre me sorprendeu o que ocorría con eles, sempre desaparecidos, coma varridos polo vento. Como lucenses, deberiamos facer algo. Porque Fuxan os ventos é noso.