Novo ciclo teatral no local de Hipócrita, en Lugo, con catro funcións

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Porta Aberta abre o sábado o ciclo de teatro no local de Hipócrita.
Porta Aberta abre o sábado o ciclo de teatro no local de Hipócrita. CEDIDA

O grupo Porta Aberta actuará o sábado 18 con «Get Back»

17 sep 2021 . Actualizado a las 13:23 h.

Hipócrita Teatro retoma a programación teatral no seu local da rúa Doutor Gasalla, con catro funcións para público adulto do Circuíto Galego de Teatro Amador, promovido pola Fegatea co apoio da Consellería de Cultura. Trátase de catro pezas que exploran códigos e xéneros distintos, dende o drama á parodia pasando pola comedia. As funcións terán lugar ás 19.00 horas e o prezo da entrada é de 3 euros (poden reservarse na web de Hipócrita).

Esta fin de semana terán lugar as dúas primeiras funcións. O grupo pontevedrés Porta Aberta abrirá o Circuíto o sábado con Get Back, unha peza de teatro contemporáneo de Diego Ameixeiras. En Get Back vese como unha parada temporal do metro pode converterse nunha viaxe ao pasado das personaxes; unha mirada no seu interior a situacións que desexan cambiar pero non o conseguían. É unha obra actual para entreterse, escoitar, gozar e recoñecerse nunha das cinco vidas que se atopan no mesmo vagón da vida.

O domingo 19 actuará Axóuxere Teatro, de Oleiros, con Facendo as partixas, unha historia ambientada nos 80. Nanda Tasende e Paula Suárez, dirixidas por Alejandro Albaiceta, dan vida a dúas irmás que se reencontran despois de vinte anos para repartir a herdanza.

O Circuíto continuará os días 25 e 26 con outras dúas compañías de teatro.