Teatro clásico e obradoiro no Gustavo Freire de Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Participantes no encontro de artes escénicas no Vello Cárcere
Participantes no encontro de artes escénicas no Vello Cárcere CEDIDA

O domingo 19 actuará A66 Producciones con «Abre el ojo», de Zorrilla

17 sep 2021 . Actualizado a las 13:34 h.

O encontro profesional Habitación Peregrina Pro bota a chave ata o ano que vén. O centro cultural O Vello Cárcere de Lugo acolleu esta semana a segunda edición dunha cita sinalada para os axentes escénicos das catro comunidades autónomas que participan no programa de intercambio artístico e profesional Camiño Escena Norte. Case sesenta profesionais, entre artistas, técnicas municipais de cultura, equipos de programación e de distribución, ademais de directoras de teatros, participaron desde nunhas xornadas «enriquecedoras e dinámicas que favorecen e impulsan a conexión profesional entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi», segundo apuntou o coordinador do proxecto, Diego V. Meizoso.

Ao longo de tres días, Habitación Peregrina Pro acolleu case 160 xuntanzas, nas que tanto as compañías como as creadoras puideron dar a coñecer os seus proxectos a outros axentes culturais a través de diversas presentacións, xuntanzas rápidas e pitchings.

Diferentes actividades de dinamización e formación con profesionais de prestixio completaron unha iniciativa que, tal e como apunta Meizoso, «foi moi positiva tanto a nivel cualitativo coma cuantitativo» e senta as bases para establecer «un espazo de encontro e reflexión anual que nos permita afondar, tamén desde a perspectiva profesional, na necesaria conexión cultural dos territorios do norte».

Ademais do encontro profesional, a provincia acolle novas funcións do Itinerario Constelacións, o programa de exhibición aberto ao público que Camiño Escena Norte ofrece nas catro comunidades autónomas implicadas no proxecto.

«Abre el ojo», de Zorrilla

Esta fin de semana a compañía asturiana A66 Producciones levará o seu espectáculo Abre el ojo, de Francisco de Rojas Zorrilla, a Lugo. A comedia clásica chegará este domingo 19 ao Auditorio Municipal Gustavo Freire. Ademais, para contextualizar e visualizar esta comedia do século áureo, a compañía realizará dúas actividades paralelas para público xeral: un obradoiro de ritmo versal, A fala dos clásicos; e un encontro co público ao remate da función, no que tamén participará Anxo Manoel, de Lucelús Teatro. O obradoiro terá lugar de 11.30 a 14.00 no vestíbulo do Auditorio, impartido por Isabel Marcos e César Alonso; mentres que a función será ás 18.30, con entrada libre.