«Xistral» regresa para dar voz á poesía luguesa

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Portada do último número da revista «Xistral»
Portada do último número da revista «Xistral» CEDIDA

Máis dun cento de poetas publican as súas obras nesta revista plural e diversa, creada en 1949 por Manuel María, e que presenta novo número o xoves 2 no Vello Cárcere de Lugo

02 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A voz da poesía galega regresa á axenda cultural da cidade. Xistral, revista lucense de creación poética, conta cunha nova edición que será presentada o xoves pola tarde, ás 19.00 horas, no patio interior do Vello Cárcere. Ademais desde número 23, no que participan uns 80 poetas de Lugo ou vinculados dalgún xeito á provincia, presentarase tamén o volume anterior, o número 22, cuxo acto de presentación se tivo que adiar o ano pasado por mor da pandemia. Neste último caso son case outros tantos poetas os que publican as súas creacións.

A revista do 2020 conta con ilustracións das irmás Conchita e Luísa Paz Montenegro, mentres que o deste ano está ilustrado por Adolfina Mesa. No acto deste xoves, plural e aberto, participarán uns corenta poetas, que ofrecerán un emotivo recital cunha orixinal posta en escena aproveitando os andares do centro cultural. Regresa así a cita anual coa poesía galega, unha canle de difusión para os creadores lugueses e un proxecto de referencia para todas as persoas con inquedanzas pola poesía.

O coordinador desta publicación, o poeta Toño Núñez (Navia de Suarna, 1959), destaca de Xistral a súa diversidade: «Poetas, homes e mulleres, de todas as idades e con moi diferentes traxectorias poéticas e vitais, dende poetas consagrados, coma Olga Novo ou Marica Campo, ata outros case anónimos que comezan a dar os seus primeiros pasos na creación poética. Tamén hai diversidade na temática, no estilo, na forma, nos rexistros lingüísticos...», sinala.

Comezos de Toño Núñez

O propio Toño Núñez comezou a súa vinculación con Xistal arredor do ano 2006, estreándose na publicación literaria: «Foi moi emocionante para min comezar a publicar, e desde entón ía facendo cada ano dous poemiñas para Xistral e funme encariñando», conta. Desde o ano 2017 é o coordinador da revista, cun consello de redacción integrado por Marica Campo, Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e a concelleira de Cultura, agora Maite Ferreiro.

Camilo Gómez, a «alma mater»

Porén, segundo destaca Toño Núñez, o seu traballo de coordinación, que desenvolve «con moito amor», é sinxelo porque non tivo máis que «darlle continuidade a un proxecto totalmente consolidado», o que comezara no ano 2000 Camilo Gómez Torres, a «alma mater» de Xistral, coordinador desta revista entre os números 3 e 20. Gómez Torres, ex profesor do IES Lucus Augusti (antigo Masculino), «realizou un traballo ímprobo con absoluta discreción, dándolle á revista unha personalidade singular».

Pero a historia de Xistral comezou moito antes: a revista foi creada por Manuel María no ano 1949, cando tiña 21 anos e aínda non publicara Muiñeiro de Brétemas (1950). Trátase dun proxecto de xuventude que fundou en compañía do seu amigo Manuel Antonio Sopena, e no que o autor chairego publicou os seus primeiros versos. Tan só deron sacado dous números en edición bilingüe, pero chegaron a publicar, ademais de Manuel María, autores da talla de Cunqueiro, Pimentel ou Aquilino Iglesia Alvariño.

O Concello recupera a idea

Despois de medio século de silencio, no ano 2000, o Concello de Lugo recuperou a idea e puxo a andar de novo Xistral, co subtítulo de Revista Lucense de Creación Poética. O propio Manuel María autorizou esta renacenza e mesmo chegou a escribir un texto de presentación para o número 3, co que se iniciaba esta segunda nova etapa. E aí estaba Camilo Gómez Torres, alumno e, máis tarde, amigo de Manuel María. «Camilo foi o verdadeiro mantedor e dinamizador desta publicación», destaca Núñez.

Ademais, o coordinador salienta tamén que todas as corporacións municipais de Lugo, desde o ano 2000, creron no proxecto e déronlle continuidade, proba da pluralidade e a calidade da revista.